PUBLICIDADE

Val do Dubra celebra unha nova edición da Festa do Emigrante con tres días de festa, cultura e lecer

O Concello de Val do Dubra presentou a programación da edición 2025 da Festa do Emigrante que se desenvolverá do 31 de xullo ao 2 de agostoO Concello de Val do Dubra presentou a programación da edición 2025 da Festa do Emigrante que se desenvolverá do 31 de xullo ao 2 de agosto

O Concello de Val do Dubra vén de presentar a programación dunha nova edición da Festa do Emigrante, que se desenvolverá do 31 de xullo ao 2 de agosto, e na que ofrece música, maxia, deporte e numerosas actividades para todos os públicos

O Concello de Val do Dubra prepárase para acoller unha nova edición da súa tradicional Festa do Emigrante, que este ano se celebrará os días 31 de xullo, 1 e 2 de agosto. A edición de 2025 chega cunha programación ampla e variada, pensada para homenaxear as persoas emigrantes e ofrecer á veciñanza e visitantes tres días de festa, cultura e lecer.

A Festa do Emigrante de Val do Dubra dará comezo o xoves 31 de xullo cun dos eventos máis consolidados: a XXXVII Festa da Cervexa. A partir das 21:00 horas, o escenario principal acollerá as actuacións dos grupos Leite con Jalletas, Dos Hombres y Un Tercio e DJ Mr. Vieito, garantindo unha noite de diversión e bo ambiente para dar a benvida á celebración.

O venres 1 de agosto, a Festa do Emigrante comezará ás doce do mediodía cunha misa solemne, seguida ás 13:00 horas do acto oficial de inicio das festas diante da Casa do Concello coa agrupación local Regueifa.

PUBLICIDADE

Pola tarde, ás 16:30 horas, celebrarase o divertido e esperado Jran Prix, unha actividade participativa que cada ano congrega a grandes e pequenos arredor de probas cheas de risas e complicidade. As persoas ou peñas interesadas en participar no Jran Prix deben inscribirse previamente nun formulario que dará a coñecer nas súas redes a AC Emigrante, organizadora da festa.

A xornada pecharase pola noite cunha gran verbena a cargo das orquestras Origen, Charleston e Disco EME Music, que farán vibrar a praza ata ben entrada a madrugada.

A Festa do Emigrante de Val do Dubra celebra o seu día grande con deporte, maxia e verbena

O sábado 2 de agosto será o día grande da Festa do Emigrante, cunha programación continua dende a mañá ata a noite. Ás 11:00 horas comezará o torneo de petanca detrás da rúa Arcai, e ás 12:30 horas a charanga A Santa Compaña animará o ambiente cun animado pasarrúas. Á unha da tarde será a quenda dunha das citas gastronómicas máis populares da festa: a sardiñada popular no Campo da Feira, que continuará coa final do torneo de petanca, de novo acompañada pola charanga.

Pola tarde, ás 17:00 horas, celebrarase un torneo de xadrez na rúa Arcai. Ás 18:00 horas, a maxia chegará da man de Dani García e o seu espectáculo Maxia entre liñas, pensado para sorprender a públicos de todas as idades. Ás sete da tarde terá lugar un dos momentos máis esperados: o Torneo de Fútbol Emigrante, que enfrontará á S.D. Dubra co R.C. Deportivo da Coruña na súa categoría xuvenil de división de honra.

A Festa do Emigrante 2025 de Val do Dubra culminará cunha espectacular verbena final a partir das 23:00 horas, coa música das orquestras Finisterre, Monoulious DOP e Disco EME Music con Marcos Magán, garantindo unha despedida á altura dunha fin de semana chea de celebracións.

A Festa do Emigrante de Val do Dubra consolidouse como unha das citas máis senlleiras e agardadas do verán na comarca. Unha celebración que enche as rúas de música, alegría e encontro interxeracional, e que pon en valor o dinamismo, o espírito comunitario e a identidade cultural do pobo dubrés, e que organiza a AC Emigrante en colaboración co departamento de Cultura do Concello de Val do Dubra.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.