O Concello do Pino presentou a primeira edición da carreira, que se disputará o sábado 2 de agosto sobre catro distancias 1,5, 3, 8 e a media maratón de 21 quilómetros entre a capela da Madalena de Arzúa e a Casa Consistorial do Pino
O Concello do Pino vén de recuperar a súa media maratón coa organización da primeira edición da proba Os 21 do Galo Piñeiro, que se disputará o vindeiro sábado 2 de agosto sobre catro distancias diferentes, e que presentaron o alcalde, Manuel Taboada, e o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín.
A proba do Pino contempla dúas distancias para a proba absoluta: a media maratón de 21 quilómetros e unha carreira de 8 quilómetros, que seguirán o itinerario do Camiño Francés. A media maratón partirá dende a capela da Madalena de Arzúa ás 19:30 horas, mentres que as persoas participantes na proba de 8 quilómetros tomarán a saída ás 19:50 horas dende o restaurante A’Esquipa. A meta estará situada a carón do Concello do Pino.
Nos arredores da meta, xunto ao Concello do Pino, desenvolveranse as dúas probas dirixidas á rapazada: un circuíto de 3 quilómetros para mozas e mozos de entre 13 e 15 anos, que partirá ás 19:30 horas; e outro de 1,5 quilómetros para participantes de entre 10 e 12 anos, que comezará ás 19:45 horas.
As inscricións nesta primeira edición da proba Os 21 do Galo Piñeiro están abertas ata un día antes da disputa da media maratón e das carreiras, o 30 de xullo, e poden formalizarse a través da páxina web www.carreirasgalegas.com, na que tamén se pode consultar o regulamento.
Recuperar a media maratón do Concello do Pino coincidindo coa celebración da Festa do Galo Piñeiro ofrece unha forma diferente de coñecer o Camiño de Santiago, combinando deporte, patrimonio e gastronomía nunha experiencia lúdica e accesible. Ademais, permitirá compartir o percorrido con peregrinos de todas as partes do mundo en pleno Camiño, o que lle engade valor e autenticidade á vivencia.



