A Mostra de Teatro Afeccionado, que recuperou o ano pasado o Concello amesá, desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro do 5 ao 8 de decembro
A Mostra de Teatro Afeccionado do Concello de Ames regresa cunha nova edición. A cita coas artes escénicas desenvolverase na Casa da Cultura do Milladoiro do 5 ao 8 de decembro. O programa inclúe representacións de compañías de teatro de Brión, Muxía, Santa Comba e Ames.
Ames retomou o ano pasado a Mostra de Teatro Afeccionado, unha iniciativa organizada pola Concellería de Cultura e a Escola Municipal de Teatro e que tivo unha gran acollida. O obxectivo é o de poñer en valor o esforzo e dedicación das compañías teatrais non profesionais, así como a lingua e a cultura galegas no eido das artes escénicas.
A programación da Mostra de Teatro veu a luz o pasado luns, nunha presentación que contou co alcalde e concelleiro de Cultura de Ames, Blas García, coa técnica do departamento de Cultura, María Vázquez; co director do Grupo Municipal de Teatro de Ames, Diego Rey, coa co-directora do Teatro das Maniotas, María Dolores Santos e co director do grupo Sen Cancelas Teatro, Xan Martínez.
O Concello de Ames é un concello que destaca por toda a actividade cultural que facemos, sobre todo no ámbito das artes escénicas. Poder recuperar a Mostra de Teatro Afeccionado, despois de moitos anos é unha alegría e unha satisfacción” (Blas García, alcalde e concelleiro de Cultura de Ames)
A Mostra de Teatro Afeccionado de Ames sube o pano o vindeiro venres 5 de decembro. A agrupación do IES Brión, Teatro das Maniotas, subirase ao escenario ás 20:30 horas coa representación Terapia Real. Será a única función que tendrá ese horario, xa que as do 6, 7 e 8 de decembro serán ás 19:00 horas, todas elas na Casa da Cultura do Milladoiro.
A función do sábado correrá a cargo da Escola de Teatro Municipal de Muxía cunha proposta chea de humor e critica social baixo o título As arteiras maneira de María Volpona. Ao día seguinte, o domingo, será a quenda de Un tranvía chamado desexo, adaptación de Sen Cancelas Teatro de Santa Comba. E pecha esta nova edición da Mostra, o luns 8 de decembro, o grupo municipal de teatro que representará sobre o escenario Soño dunha noite de San Xoán.
Os convites, para asistir ás diferentes representacións da Mostra de Teatro, poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poderán recoller o propio día do espectáculo.




