As non adscritas lamentan que a alcaldesa “rachase o consenso” do ano pasado limitando o papel do resto dos grupos no Concello a “meramente testimonial”, entregando só ela os recoñecementos e convertendo as distincións en “Alba de Sanmartín”
Alba de Compostela, acto institucional organizado polo Concello de Santiago inspirado no discurso Alba de Gloria que Castelao fixo en Bos Aires o día 25 de xullo en 1948, recoñeceu, por cuarto ano consecutivo, ás persoas e traxectorias salientables que defenden a identidade, a cultura e os valores sociais de Santiago de Galicia nun acto que se desenvolveu no Salón Teatro.
Nesta ocasión, Alba de Compostela homenaxeou a Concha Rozas, Camilo Nogueira, Susi Gesto e a Ricardo Gurriarán, durante unha gala que contou coa música do gaiteiro Oli Giráldez, acompañado ao tambor por Cristina Cotilla, e que condiciu a escritora Rosa Aneiros.
As persoas persoas distinguidas coa Alba de Compostela recibiron de mans da alcaldesa, Goretti Sanmartín un diploma e unha peza conmemorativa, obra de Jose Castro, de Obradoiro Noroeste. No escenario estiveron tamén presentes os e as portavoces dos grupos políticos e representates da Corporación Municipal María Rozas, Míriam Louzao, Borja Verea, Marta Abal e Mercedes Rosón.
Distinguidas coa Alba de Compostela
A primeira en recibir o recoñecemento foi Concha Rozas (1936), unha das voces máis recoñecidas e estimadas do movemento veciñal e fundadora da Asociación Avoas de Pontepedriña. Nada en Santiago, chegou a vivir ao barrio tras a expropiación da súa vivenda en San Caetano. Neste barrio popular e desenvolvista converteríase nunha figura recoñecida polo seu impulso ao asociacionismo veciñal, no marco da loita contra a alta sinistralidade na zona. Muller solidaria e reivindicativa, recibiu a Alba de Compostela por representar a voz colectiva que sempre ten que ser escoitada.
A continuación, foi a quenda de Camilo Nogueira (1936), unha das figuras máis recoñecibles no desenvolvemento do autogoberno galego e tamén de Santiago de Compostela como capital de Galicia. Enxeñeiro e economista, nado en Vigo, cursou estes últimos estudos xa na USC.
Veciño durante máis de cinco décadas de Santiago, na biografía de Nogueira entrecrúzanse o compromisos político e sindical co da defensa e promoción da lingua, cultura e historia de Galicia, sendo un gran coñecedor e divulgador do medievo galego e do papel reitor da cidade de Santiago neste período histórico. Coa entrega da Alba de Compostela, o Concello agradece a súa achega, memoria viva dun camiño difícil de loita para poñer fin á ditadura e abrir vieiros do tempo que hoxe vivimos.
En terceiro lugar, recibiu o recoñecemento Susi Gesto (1980), depositaria, innovadora, transmisora e expoñente contemporáneo do legado artístico da ourivaría compostelá, unha das grandes tradicións da cidade. Susi Gesto basea o seu traballo na ourivería tradicional local, que traballa con materiais coma o acibeche ou a prata, incorporando un espírito contemporáneo e materiais innovadores coma o cobre, que ela define como o seu gran trazo de identidade.
No seu obradoiro, as pezas continúan a elaborarse de forma artesanal. A ourive, que aprendeu o oficio de seu pai, Eloy Gesto, destaca tamén como formadora e divulgadora do oficio, colaborando coa transmisión das técnicas artesanais a unha nova xeración. A entrega deste recoñecemento valora o amor e o respecto á identidade de Compostela, con coidado e agarimo.
O cuarto en recibir o recoñecemento foi Ricardo Gurriarán (1953), figura destacada no ámbito da investigación arredor do pasado histórico da Universidade compostelá. Veciño de Santiago, foi profesor no IES Arcebispo Xelmírez dende 1977 ata a súa xubilación.
Fóra das aulas, Ricardo Gurriarán loitou pola democracia, os dereitos e as liberdades e decidiu dedicarse con empeño, rigor e esforzo a recuperar a historia. Recibe a Alba de Compostela en recoñecemento ao traballo feito, a honestidade e o compromiso de toda unha traxectoria, na que destaca tamén o seu papel na recuperación das esculturas do Mestre Mateo.
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, gabou a traxectoria e a achega das catro persoas recoñecidas nesta cuarta edición da Alba de Compostela e agradeceulles o esforzo, a ilusión e o amor a Compostela. A rexedora botou a vista atrás para lembrar a figura do creador Camilo Díaz Baliño, asasinado en 1936 tras o golpe de Estado: “O das festas do Apóstolo de 1936 sería o seu último cartel, despois dunha traxectoria magnífica dedicada, en boa medida, a este concello que tanto amaba”.
Noventa anos despois, o cartel das Festas do Apóstolo 2026, obra de Iria Aldegunde, rende homenaxe a Díaz Baliño e á xeración que “confiaba nun futuro mellor e nunha Compostela de progreso”, rememorou a rexedora, e describiu esta homanxe coma “metáfora da mellor Compostela, da Compostela que crea e avanza, a Compostela da dignidade e o orgullo, a Compostela que se moderniza mais que valora as orixes, o lugar de onde vimos, o corazón que fai latexar todo o noso concello”.
A alcaldesa pechou o acto describindo o papel de cada unha das catro persoas recoñecidas este ano na Alba de Compostela, “homes e mulleres incuestionábeis, persoas a quen lles queremos agradecer o seu esforzo, a súa xenerosidade e o moito que lles debemos como veciñas e veciños deste concello”. Así, recoñeceu a súa “traxectoria honesta, leal e tan valiosa” e lembrou que estes recoñecementos “evocan a nosa propia historia, o pasado que herdamos con orgullo e que deu forma á Compostela que hoxe somos”.
As non adscritas lamentan que a alcaldesa “rachase co consenso”
Ao día seguinte da entrega das distincións Alba de Compostela, a concelleira non adscrita Mila Castro lamentou que a alcaldesa, Goretti Sanmartín, “rachase co consenso” acadado o pasado ano arredor da Alba de Compostela, un acto creado para recoñecer ás persoas que representan o mellor de Santiago e que, ao seu xuízo, debe manter un marcado carácter institucional e de cidade.
Castro considera que, tras a polémica xerada na primeira edición, o pasado ano conseguírase reconducir o formato da Alba de Compostela mediante o diálogo entre os diferentes grupos municipais, reforzando a imaxe de unidade da Corporación arredor das persoas homenaxeadas. Porén, entende que a decisión da alcaldesa de asumir en solitario a entrega dos galardóns supón “un paso atrás” nese consenso.
“É unha mágoa que desde o Goberno local, a propia alcaldesa se esforce en rachar co consenso que custou conseguir arredor da Alba de Compostela como un evento para reivindicar o mellor de Santiago: a súa xente. Converteu o acto deste sábado, non sabemos se nun intento cutre de activar a precampaña electoral, nun evento persoal e personalista: a Alba de Sanmartín”, afirmou.
A concelleira critica que as portavocías dos distintos grupos municipais quedasen reducidas a un papel “meramente testimonial”, rompendo co proceder acordado o pasado ano, no que a entrega dos recoñecementos simbolizaba o respaldo de toda a Corporación ás persoas distinguidas.
“Foi ela soa quen entregou os galardóns. Sabiámolo, pero preferimos manter a discreción ata hoxe por respecto ás persoas homenaxeadas. Agora ben, isto non pode nin debe repetirse porque acaba ensombrecendo unha homenaxe que todas e todos compartimos por intereses persoais e partidistas”, sinalou.



