PUBLICIDADE

Álvaro Lamas expón no Museo do Traxe de Ordes a mostra fotográfica ‘Capturando a Natureza’

A fervenza de Riolimpo, en Naraío, é un dos lugares retratados polo fotógrafo Álvaro Lamas que expón no Muxeo do Traxe de Ordes 'Capturando a Natureza (Foto: ©Álvaro Lamas)A fervenza de Riolimpo, en Naraío, é un dos lugares retratados polo fotógrafo Álvaro Lamas que expón no Muxeo do Traxe de Ordes 'Capturando a Natureza (Foto: ©Álvaro Lamas)

Álvaro Lamas expón, desde hoxe e ata o vindeiro 13 de febreiro no Museo do Traxe Juanjo Liñares no concello de Ordes, a mostra fotográfica Capturando a Natureza, que forma parte do proxecto Lost in Woodlands Photography. As instantáneas de Lamas representan un percorrido polas fervenzas e fragas de Ferrolterra, pola costa do Ortegal e a Mariña lucense, pasando por recunchos e territorios de Asturias, Cantabria ou Navarra.

O propio fotógrafo será o encargado, o vindeiro venres 16 de xaneiro ás sete da tarde, de facer a presentación oficial da exposición, na que ademais compartirá un faladoiro sobre a súa obra co público que se achegue ata o Museo do Traxe.

En palabras do propio Álvaro Lamas, “Capturando a Natureza representa a esencia do meu proxecto: capturar lugares que sorprenden pola súa beleza, esplendor, maxia ou encanto”, e precisou que “ás veces son grandes paisaxes como fervenzas ruxidoras, xélidos lagos de montaña ou solpores vertixinosos sobre cantís. Outras un pequeno cogomelo agochado entre follas pode representar un mundo enteiro e levarme a pasar media mañá no chan para retratalo”.

PUBLICIDADE

Os interesados en visitar a exposición poden facelo en horario de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 17:00 a 20:00 horas polas tardes. O Museo do Traxe permanecerá pechado todos os luns, e nas tardes dos domingos e días festivos.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.