PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Antonio Yáñez gaña o Premio Pura e Dora Vázquez coa obra ‘Azul cobalto’

PorBisbarra

Venres, 13 Setembro 2024
O xurado reunido tras determinar o fallo da XX edición do Premio Pura e Dora Vázquez

O xurado do premio da Deputación de Ourense destacou da obra do ferrolán “a súa orixinalidade cunha temática rompedora, doada de ler e que engancha moito”

O ferrolán Antonio Yáñez Casal vén de gañar, coa súa obra Azul cobalto, a XX edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Narración. O xurado do certame, que organiza a Deputación Provincial de Ourense, anunciou o seu fallo o 12 de setembro e destacou da obra gañadora, dirixida a un público xuvenil, “a súa orixinalidade e cunha temática rompedora, doada de ler que engancha moito, e cunha linguaxe e un estilo moi coidados”. Tamén incidiu o xurado “nos valores dos que fala como o traballo en equipo a perseveranza e a importancia da lectura para chegar a comprender as cousas”.

O escritor ferrolán que presentou a súa obra ao certame co pseudónimo Maceteum, xa fora gañador na XIV edición do Premio de Narración Pura e Dora Vázquez no ano 2016 co seu traballo Do meu nome e outras trapalladas. Antonio Yáñez Casal naceu en Ferrol no ano 1959 e ten publicado máis dunha decena de obras coas que foi gañador dos premios Meiga Moira (2006) por Lóbez, Raíña Lupa (2006) por Viaxe a Libunca, Abrente (2007) por Octavius Augustus; Frei Martín Sarmiento, 2ª Categoría, por Xoa (2012), premio Barco de Vapor (2013) coa súa obra O detective de Nullarbor, ademáis de ser finalista en outros tantos certames.

O xurado, que destacou tamén a calidade de todas as obras que se presentaron a esta nova edición do premio, estivo composto por un representante de cada un dos grupos políticos da Deputación de Ourense.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Agora, ponse en marcha, segundo informan dende a Deputación, a vixésima edición do Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración, no que o artista galardoado acompañará cos seus traballos ao texto Azul cobalto, de Antonio Yáñez, premiado na modalidade de narración. Os ilustradores de calquera nacionalidade interesados en participar poden solicitar o texto gañador en publicacions@depourense.es, xa que os traballos teñen que ilustrar a obra gañadora na modalidade de narrativa. As bases do certame poden consultarse no BOP Nº 118, do mércores 19 de xuño de 2024 (Pax. 6).

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.