A Xunta investiu 275.000 euros nas novas instalacións
Os centros de formación profesional de Ferrolterra contarán este curso con cinco novas aulas de tecnoloxía aplicada, cun investimento de 275.000 euros. Así, xa suman sete os espazos en centros de FP adicados a este ámbito. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou a nova aula do CIFP Rodolfo Ucha, acompañada do director, Fernando López.
O Espazo de Investigación e Innovación de Edificación (EiiE) está deseñado para que o alumnado aprenda e experimente coas tecnoloxías máis recentes no levantamento, modelado e representación de proxectos de edificación e obra civil. Estará equipado con ordenadores, paneis interactivos, tabletas dixitais e lentes de realidade virtual, permitindo unha experiencia de aprendizaxe avanzada e inmersiva do alumnado do ciclo superior de Proxecto de Edificación.
Aneiros destacou a “revolución académica que supoñen espazos como o EiiE á hora de mellorar a cualificación dos estudantes, permitíndolles a simulación de centros de traballo e contornas laborais reais”. Nestas aulas empréganse metodoloxías baseadas en proxectos ou retos próximos a cada sector produtivo, neste caso o da edificación, “o que redunda na mellora da formación na FP galega”, explicou.
Durante a visita, a delegada territorial tamén tivo a oportunidade de coñecer o funcionamento de outro espazo de tecnoloxía aplicada do centro, orientado ao comercio e ao marketing. Trátase dunha tenda intelixente 4.0 e almacén robotizado para a simulación do entorno comercial, deseñada para preparar aos futuros traballadores do sector comercio no manexo das novas tecnoloxías.
Xunto ao CIFP Rodolfo Ucha, habilitáronse este ano novos espazos de tecnoloxía aplicada no CIFP Ferrolterra e no CIFP Leixa, no Concello de Ferrol; no CIFP Fraga do Eume, no Concello de Pontedeume; e no IES Castro da Uz, no Concello das Pontes. Cada un deles recibirá un orzamento de 55.000 euros, conformando un investimento total de 275.000 euros nesta iniciativa.