Tamén imparten charlas sobre a alimentación saudable durante a lactancia
O centro de saúde de Fene ofrece ás futuras nais información sobre a alimentación saudable durante o embarazo. A iniciativa xorde da colaboración entre a nutricionista, Iria González Fraga, e o matrón, David González Martínez.
Así pois, aprovéitanse as consultas ordinarias das xestantes para informar sobre a programación das charlas e anotar ás interesadas. A primeira destas charlas conxuntas de nutricionista e matrón será o vindeiro luns 16, no centro de saúde de Fene, ás 13:00 h.
Ámbolos dous profesionais subliñan “a importancia de desmitificar os mitos, especialmente o de que se debe comer por dous”. De feito, avogan por guiarse polas sensacións de fame e saciedade. Outra das cuestións que abordarán é “ter en conta a importancia de seguir unha alimentación saudable e prestar especial atención a inxestión de certos nutrientes, como o omega 3, o ferro, o ácido fólico ou o calcio”.
NOCIÓNS BÁSICAS DE ALIMENTACIÓN
Así, falarase de forma detallada dos alimentos que se deben evitar por supoñer un risco no embarazo. Algúns exemplos son os peixes de gran tamaño, polo contido en mercurio; o leite, a carne e o peixe crus e derivados. Así mesmo, facilitarán información xeral sobre os síntomas máis frecuentes nesta etapa, como náuseas, vómitos ou estrinximento, e como axustar a alimentación para reducilos.
Ademais desta iniciativa, o centro de saúde de Fene ofrece outra charla un venres ao mes sobre alimentación e lactancia. O obxectivo é ofrecer información, baseada na evidencia científica, para que as nais poidan seguir unha alimentación saudable durante o embarazo e a lactancia. Neste sentido, os profesionais sanitarios salientan que “o peso non é o máis importante, senón seguir unha alimentación completa e variada, dando maior relevancia a aqueles nutrientes máis importantes nesta etapa da vida”.
ANDAINAS SAUDABLES
En complemento ás charlas informativas, o centro de saúde de Fene ofrece un ciclo de andainas. Teñen lugar os segundos e cuartos martes de mes ata o 22 de outubro. Neste caso, a participación é libre, só é necesario acudir ao centro de saúde ás 10:00 h.
O obxectivo deste grupo de andainas é “aumentar o exercicio físico e reducir o sedentarismo”, e establecer uns hábitos de vida saudables.