PUBLICIDADE

As Feiras do Abril poñen en valor a gastronomía, a artesanía e as tradicións de Val do Dubra

PorBisbarra

Martes, 8 Abril 2025 , , ,

As Feiras do Abril volveron atraer milleiros de persoas ata Val do Dubra durante a fin de semana e o luns que participaron no amplo programa de actividades como desfiles, obradoiros, concertos ou demostracións

As Feiras do Abril de Val do Dubra, que se desenvolveron dende o pasado 5 de abril ata onte luns, volveron poñer en valor a gastronomía, a artesanía e as tradicións locais, nunha cita cultural xa consolidada no calendario da comarca, e na que participaron milleiros de persoas de toda Galicia.

O alcalde de Val do Dubra, Diego Luis Díaz, inaugurou As Feiras do Abril 2025, nun acto ao mediodía no que tamén participaron a subdelegada do Goberno, María Rivas, o tenente alcalde, Antonio Regueira, representantes doutros concellos como A Baña, Negreira ou Tordoia, así como outros representantes da da corporación municipal. Durante o acto, o grupo local Regueifa puxo en valor o patrimonio oral e musical galego cos seus sons e cos seus pasos.

Dende primeira hora da mañá do sábado, achegáronse ata o aparcamento de San Lourenzo en Bembibre, no que se desenvolveu o mercado de artesanía das Feiras do Abril que ofrecía, en diferentes postos, variados produtos elaborados por artesáns do Val do Dubra, e que contou co apoio da Deputación da Coruña.

PUBLICIDADE

Á hora de xantar, a gastronomía tomou o protagonismo das Feiras do Abril, cunha demostración culinaria a cargo do cociñeiro José Manuel Mallón que elaborou diferentes petiscos con produtos da Terra do Xallas, nunha iniciativa que contou co apoio do GDR Terras de Compostela. As persoas asistentes tamén puideron gozar dunha degustación de vaca cachena e do pan tradicional do Val do Dubra.

Xa pola tarde, foi a quenda do taller de estampaxe Amor ó Teu, da demostración de cestería tradicional a cargo de Luís do Río, e unha das citas máis agardadas da xornada, o desfile de xoiería e cestería artesanal que é froito do Obradoiro de Ourivería coordinado por Susi Gesto co impulso de Artesanía de Galicia. A orquestra Panorama, e a Disco Móbil MG, puxeron fin a esta primeira xornada das Feiras do Abril con música e baile que comezou cunha sesión de tardeo que se prolongou ata altas horas da noite.

A exposición de gando abriu a xornada dominical das Feiras do Abril, e na que participaron exemplares criados no propio municipio por José Antonio Liñares, de San Román (vaca cachena; Boaga) e Proxecto Home, das Cernadas, mostrando o compromiso co rural e coa recuperación de saberes e actividades de sempre. Tamén, ao longo da mañá, a veciña de Val do Dubra, Sara Viña, realizou unha demostración de cestería tradicional, que deu paso á ruta cabalar, que contou coa colaboración de Hípica Boullón, na que os participantes puideron gozar e descubrir os recunchos naturais do municipio.

Durante o vermú, as Feiras do Abril contaron coa música do Trío Alborada, e xa entrada a tarde, os asistentes puideron afondar no mundo da apicultura grazas ao relatorio de Alfonso Priegue. Ademais, a xornada pechouse cunha entretida e espectacular exhibición de Cans de Agility.

O luns, as Feiras do Abril volveron dar o protagonismo a gastronomía coa celebración da Festa da Empanada, que contou tamén cos foodtrucks da campaña Galicia sabe a amar da Xunta e que ofreceu os seus petiscos mariñeiros. A actuación do Dúo Elite e a polbeira pecharon esta nova edición das Feiras do Abril en Val do Dubra.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.