A X Carreira Pedestre Popular de Frades, que se disputa o xoves 1 de maio, xa ten aberto o prazo para formalizar as inscricións na proba, que pecha o 28 de abril, é de balde para os escolares e ten un custo de 6 euros para o resto de categorías
A X Carreira Pedestre Popular de Frades, organizada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo, abriu o prazo de inscrición para todos aqueles atletas, federados ou non, que queiran disputar a proba que terá lugar na mañá do xoves 1 de maio. A inscrición na carreira, que forma parte do XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, pódese realizar a través da páxina web www.emesports.es, antes das 23:59 horas do luns 28 de abril.
A inscrición para os atletas das probas escolares (de Sub-6 ata Sub-18) son de balde, mentres que para os demais corredores (Sub-20, Sub-23, Sénior e Másteres) deberán abonar 6 euros. Na proba absoluta, que terá a súa saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira, os corredores terán que completar un percorrido de 8,6 quilómetros, e no caso das categorías escolares establecerase a distancia en función do grupo de idade.
O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto no grupo masculino como feminino; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta. A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo.
Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros e primeiras clasificadas de cada categoría. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os escolares.