Cobre San Rafael inicia a segunda fase do seu proceso de selección de persoal cun ciclo de entrevistas a candidatos, logo de recibir preto de 4.000 currículos a través da súa xira polos concellos da comarca iniciada o pasado mes de setembro. Esta primeira xornada de entrevistas celebrouse onte nas instalacións de Cobre San Rafael na mina de Touro – O Pino, e estivo dirixida a perfís especializados en Movemento de Terras e Construción. Entre os postos ofertados figuran o de operador/a de maquinaria pesada, supervisor/a de servizos técnicos, operario/a de obra e mantemento, operador/a de escavadora hidráulica, condutor/a de dumper articulado, capataz de movemento de terras, operador/a de motoniveladora, así como outros perfís vinculados á obra civil e á preparación do terreo para o proxecto mineiro.
Durante esta primeira sesión, a vintena de interesados que asistiron á chamada da compañía, recibiron información sobre o Proxecto Cobre San Rafael e as oportunidades socioeconómicas para a comarca, seguido dunha serie de entrevistas individuais co equipo de traballo liderado pola compañía Dest People, empresa de xestión estratéxica de persoas, que reforza a área de RRHH da empresa.”
Para garantir a eficacia do proceso, Cobre San Rafael organizará as entrevistas de maneira estruturada, agrupando aos candidatos por especialidades e convocándoos en función das necesidades e do avance do proceso. Este enfoque permite unha avaliación minuciosa dos perfís e facilita a incorporación progresiva dos profesionais máis axeitados para cada posición.
APOSTA POLO TALENTO LOCAL
As oportunidades laborais do Proxecto Cobre San Rafael abranguen áreas estratéxicas como operacións mineiras, persoal para a Planta de Tratamento de Mineral e a de Augas, laboratorio, administración, compras e almacén, medio ambiente, seguridade e saúde, así como vixilancia e control de accesos. Estas especialidades, que requiren de pouca experiencia ou, en contraste, dunha alta especialización, garantirán a diversificación do mercado laboral na comarca.
Ademais, coa formación como eixo central, a compañía reafirma o seu compromiso co desenvolvemento profesional dos seus empregados, deseñando programas de capacitación adaptados que aseguren a mellora constante das competencias do equipo. Este enfoque, ademais de fortalecer os perfís do persoal interno, tamén potencia o talento local, creando unha base sólida para un crecemento profesional e persoal sostible.
Neste sentido, as persoas interesadas en aplicar aos postos de traballo dispoñibles poden seguir enviando os seus currículos á dirección de correo: info@cobresanrafael.gal.
REACTIVACIÓN DA MINA: NOVAS OPORTUNIDADES LABORAIS PARA A COMARCA
Na primeira fase do proxecto, prevese a creación de máis de 420 empregos directos, todos con contratos indefinidos, de longa duración e a xornada completa. Na segunda fase, este número reducirase ata os 394 postos directos, consolidando un cadro de persoal altamente cualificado e especializado. Aos que se engaden uns 800 postos inducidos pola dinamización económica asociada á iniciativa. Este volume de contratación directa reflíctese nun impacto máis amplo: estímase que o proxecto xere un total de máis de 1.600 empregos entre directos, indirectos e inducidos.
Mais o impacto do proxecto non se limita ás cifras de emprego. A chegada de traballadores e das súas familias atraerá arredor de 10.000 novas persoas, o que permitirá reactivar os núcleos urbanos da comarca, traer máis nenos ás escolas e xerar novas oportunidades económicas para os veciños que emigraron no pasado. Este movemento demográfico converterá a zona nun polo de crecemento sostible e nun exemplo de reindustrialización responsable.