Denuncian que os vestiarios do campo de fútbol da Mercé, en Conxo, atópanse nun “estado impresentable” para unhas instalacións que usan centos de deportistas a diario
O campo de fútbol da Mercé de Conxo, conta cuns vestiarios nun “estado impresentable” para unha instalación situada na capital de Galicia e pola que pasan, cada día, centos de deportistas e, cada fin de semana, a usan moitos rapaces que chegan doutras localidades e que “marchan cunha imaxe lastimosa das mesmas”, asegura nun comunicado o concelleiro do PP de Santiago, José Ramón de la Fuente.
“Os equipos de Santiago senten vergoña diante dos equipos doutras poboacións cando chegan ao campo da Mercé”, asegurou De la Fuente que considera que “visitan o campo de fútbol da Mercé que, “ao chegar, comproban, incrédulos, o estado das instalacións, que a parte de estar en malas condicións, tamén son insuficientes, inaccesibles e inseguras, en resumo, son impropias dunha cidade como Santiago”.
O popular denunciou, aportando imaxes da situación das instlacións da Mercé, que “os pratos de ducha, os urinarios e os inodoros “atópanse nunha situación impropia do século que vivimos e, a maiores, hai varias semanas que se caeu parte do teito dos vestiarios que, por puro azar, non causou danos persoais, e a día de hoxe, non está reparado”, alertou.
Asemade, De la Fuente tamén explicou que o sistema de auga quente é antigo e insuficiente para atender a actual demanda, polo que “os xogadores e as xogadoras teñen que ducharse habitualmente en auga fría; case a diario, se atascan as tubarias de saneamento, impedindo o desaugue dos inodoros e, moitas veces, inundando os propios vestiarios”.
“Sexa porque non sabe ou porque non quere, o certo é que o goberno local non acaba de tomarse en serio os graves problemas no eido do deporte, o mesmo dá que falemos da falta de infraestruturas, que do mal estado das instalación ou das condicións laborais do persoal que traballa nas mesmas” (José Ramón de la Fuente, concelleiro do PP de Santiago)
De la Fuente tamén denunciou a falta de accesibilidade xa que, segundo as súas palabras, “nin a instalación, nin o acceso ao campo, nin ningunha das súas dependencias garanten o paso a persoas con mobilidade reducida, resulta imposible moverse pola instalación en cadeira de rodas”. Por outra banda, tamén destacou o mal estado e en risco das luminarias que recorren o camiño ao campo de fútbol da Mercé: “Están, literalmente, atornilladas ás árbores e os cables eléctricos que as alimentan saltan de árbore en árbore atados ás pólas sen ningún tipo de seguridade”.
O campo da Mercé non recibe ningunha partida orzamentaria
José Ramón de la Fuente explicou que, a pesar do estado descrito, “o goberno local non contemplou ningunha partida orzamentaria para intervir nas instalacións do campo de fútbol de Conxo, polo que non cabe esperar unha actuación a curto prazo, o que constata o escaso interese do BNG pola situación do deporte na cidade, a pesar de que anunciaron, ao comezo do seu mandato, un plan de mantemento de infraestruturas deportivas, pero, a día de hoxe, non fixeron nada”.