PUBLICIDADE

As festas do Santiaguiño reúnen milleiros de persoas en Padrón na tradicional romaría do monte San Gregorio

No monte, o Concello repartiu gratis máis de 1.500 racións de sardiñas con bolos preñados, cachelos e pan de millo, e tamén 700 sombreiros conmemorativos de recordo

Padrón viviu esta fin de semana dous intensos e multitudinarios días coa celebración do Santiaguiño do Monte, que volveu reunir milleiros de persoas na vila. Este sábado, 25 de xullo e día grande das festas, a singular procesión e a posterior romaría no monte San Gregorio congregaron a veciñanza, a visitantes e a peregrinos nunha das citas máis emblemáticas do calendario festivo padronés.

Xa na véspera, o venres 24, o Paseo do Espolón tamén estivo ateigado de público con motivo do Gran Derbi Asnal, outro dos actos máis concorridos da programación, organizado polo Concello coa colaboración da Asociación do Burro Fariñeiro (Abufa). Despois, o concerto de Mondra tamén xuntou centos de persoas no Campo do Souto.

A tradicional romaría congregou a milleiros de persoas nunha xornada marcada pola devoción, pola música popular e pola convivencia. O alcalde, Anxo Arca, presidiu xunto ao resto do goberno padronés tanto a procesión como a subida ao monte, destacando a excelente resposta da xente, que un ano máis volveu encher o monte San Gregorio “participando nunha celebración que mantén viva unha das tradicións máis queridas de Padrón e que cada ano reúne milleiros de persoas arredor da nosa cultura, da nosa historia e das nosas festas”.

PUBLICIDADE

Procesión do Santiaguiño Parrandeiro

A procesión do Santiaguiño Parrandeiro, como se coñece popularmente á imaxe do Apóstolo Santiago, percorreu as rúas da vila antes da tradicional subida ao monte, un dos momentos máis esperados da celebración. Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, a imaxe foi portada por Antonio Cajaraville e polos irmáns Carlos e Uxío Beiró, aos que este ano se sumou Juan Villamor substituíndo a Manuel, o irmán de Antonio. Entre os catro, subiron o santo polas 132 escaleiras ata a capela do Santiaguiño do Monte.

Antes, no percorrido polo casco histórico, a imaxe de Santiago estivo acompañada por outros santos que tamén saíron da igrexa parroquial, así como polo neno Xesús, ao que sacaron en procesión un grupo de nenos e nenas.

Os tradicionais bailes dos santos volveron sorprender aos peregrinos e aos turistas que se achegaron a presenciar a procesión e que non coñecían esta tradición padronesa, da que un ano máis volveu desfrutar a veciñanza. Este 25 de xullo, en Padrón deuse cita xente chegada desde lugares como Asturias, Cantabria, Cataluña, Murcia, Madrid ou Andalucía, encantada de participar nunha romaría tan emblemática.

Ás 13:00 horas celebrouse a misa solemne, cantada pola Coral Polifónica Padronesa. Ao remate, deu comezo a gran sardiñada, outra das tradicións máis representativas desta celebración. Nela, o alcalde e a concelleira de Festexos, Chus Campos, repartiron entre as numerosas persoas que fixeron cola un sombreiro conmemorativo para levar de recordo coas racións de sardiñas con bolo preñado, cachelos e pan de millo. En total, o Concello repartiu máis de 1.500 racións entre as persoas que formaron unha longa ringleira para degustalas.

A romaría estivo amenizada pola música tradicional dos grupos folclóricos O Pedrón, Arreixeira, San Pedro de Carcacía, Rosalía de Castro, Xoldra e a Banda de Gaitas de Gondomar, enchendo o monte de música, cultura e ambiente festivo. Pola tarde, a cativada puido gozar tamén dunha festa infantil con xogos e actividades.

Ás 19:00 horas, a baixada da imaxe do Santiaguiño puxo o punto final á romaría, devolvendo o santo á igrexa parroquial ata a próxima edición das festas.

Gran Derbi Asnal e concerto de Mondra

O Derbi Asnal celebrado o sábado tamén foi un éxito pola masiva afluencia de persoas que se achegaron ata o paseo do Espolón para seguir con entusiasmo unha proba “que forma parte da identidade das festas do Santiaguiño e na que houbo un absoluto respecto polos animais”, subliñou Anxo Arca.

Na carreira de burros a pé, Caprichoso, de Andrés Pérez, foi o máis rápido na proba final. Nesta modalidade participaron 16 animais, cos seu respectivos presentadores, algúns deles de poucos anos de idade. O segundo posto foi para Melendi, de Antonio Aradas, e o terceiro para Rayo MacQueen, de David Fraga.

Na segunda modalidade, na que os xinetes montaban os 15 burros participantes, Dinamita, de Sergio Freire, foi o máis rápido do Derbi Asnal. O segundo posto foi para Melendi e a terceira posición para Caprichoso, que viña de gañar na modalidade a pé.

E tras o Derbi Asnal, a música volveu ser protagonista nas festas do Santiaguiño coa última xornada do festival Ultreia, que organiza o Concello en colaboración con Open Air Padrón. A charanga Los Támega animou as rúas cun ritmo trepidante que fixo gozar a turistas e veciñanza.

Pouco despois comezaría o concerto estrela da xornada coa actuación do cantante e bailador Mondra, que chegou a Padrón coa xira De Ronda, nome do seu segundo disco. Martín Mondragón fixo vibrar os centos de persoas que se achegaron ao Campo do Souto e que cantaron e bailaron a maioría dos seus temas. Antes de rematar o concerto, Mondra baixou do escenario para cantar rodeado do público.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.