As últimas escavacións arqueolóxicas no Castro Sarridal revelan muros dunha vivenda grande e vestixios dun forno de uso comunitario baixo a sauna castrexa
As últimas escavacións arqueolóxicas no Castro Sarridal, no concello de Cedeira, deixou novos e importantes achados da primeira etapa de ocupación do castro correspondentes ao século III a.C., como explicou Emilio Ramil, director do proxecto que tamén precisou que os últimos traballos se están a desenvolver pola zona situada entre a sauna castrexa e o cantil, “na que xa apareceran con anterioridade estruturas da primeira etapa de ocupación”.
Nesta ocasión, os achados no Castro Sarridal foron os muros dunha vivenda grande, cun forno adosado sobresaíndo polo perímetro exterior, que fan pensar que del facíase algún uso comunitario como podería ser unha alfarería ou mesmo unha panadaría.
Esta campaña no Castro Sarridal, explicou Emilio Ramil, rematou co levantamento de tres muros da suposta vivenda, de esquinas redondeadas, pero falta por levantar o que estaría máis preto do cantil, polo que “é prematuro interpretar estes restos, que en calquera caso son anteriores á sauna castresa”, engadiu o director do proxecto no Castro Sarridal que está a levar a cabo Axa Arqueoloxía, e conta con apoio do Concello de Brión e a Xunta de Galicia.
Os traballos arqueolóxicos no Castro Sarridal incluíron tamén a consolidación destas estruturas. “Queda claro que os restos atopados nestas últimas semanas corresponden a unha etapa de ocupación anterior á da sauna castrexa porque parte desta última está sobre eles”.
O Concello de Cedeira investiu na financiación desta última campaña no Castro Sarridal 17.847,50 euros. O equipo de arqueoloxía traballou con choiva nas primeiras semanas pero por sorte tivo bo tempo para acometer ao final as labores de consolidación dos restos, esenciais para poder retomar a escavación nunha próxima campaña coas descubertas anteriores en bo estado. Ademais, Axa Arqueoloxía fixo tamén un traballo de divulgación paralelo ás escavacións, a través da organización de dúas visitas guiadas e gratuítas ao xacemento.