Cedeira vén de presentar a ampla programación das festas. do 11 ao 17 de agosto, que inclúe música, espectáculos familiares, xogos populares, deportes e as xa tradicionais procesión marítima e a Xira a San Antón
Cedeira celebrará as festas da patroa do 11 ao 17 de agosto, sete días para os que xa está deseñado un programa de actividades variado que inclúe música, espectáculos familiares, xogos populares, deportes e un amplo número de propostas pensadas para todos os públicos entre as que no faltarán a tradicional procesión marítima nin a Xira a San Antón coa que rematarán as festas.
A agrupación de voluntarios de Protección Civil de Cedeira, que cumpre o seu 25º aniversario, será a encargada do pregón co que se abrirá o programa o luns 11 de agosto ás 20:00 horas na praza do Concello. Estarán acompañados da Agrupación Cultural Buxainas, que amenizará coa súa música tradicional o acto. O Entroido de Verán pechará esta primeira xornada a partir das 22:30 horas na praza do Floreal, con Discomóbil CDC e unha festa da escuma.
O martes 12 de agosto a partir das 20:00 horas, a praza Floreal acollerá o espectáculo familiar Mute, de Orain Bi, unha proposta de circo-teatro premiada na Feria de Artistas Callejeros de Leoia no 2022 que depara momentos sorprendentes e mesmo poéticos. A partir das 22:30 horas haberá verbena na praza Roxa co Grupo Claxxon.
Os xogos populares protagonizarán a xornada do mércores 13, con diferentes actividades desde as 18:00 horas no Paseo da Mariña e ás 20:00 na praza Floreal volve o circo, nesta ocasión da man de Pistacatro e o seu espectáculo Píllalo. A música desta volta soará a partir das 23:00 horas na praza da Revolta, coa orquestra Olympus e o cedeirés Brunokavi DJ.
O xoves 14 de agosto, de novo ás 20:00 horas na praza Floreal, o dúo arxentino Laos presentará Otros aires, un espectáculo de acrobacias, tango e comedia para todos os públicos. E as 22:30 horas na praza Roxa as orquestras Origen e Miramar poñerán a bailar aos asistentes á verbena nocturna.
O Día da Patroa, o venres 15 agosto, inicarase ao mediodía cunha misa cantada pola Coral Virxe do Mar. A continuación, ás 13:30 horas na praza Roxa haberá un concerto da Banda de Música Vila de Cedeira. O programa desta data terá un compoñente especialmente emotivo co partido amistoso de fútbol que disputarán no recén nomeado campo Carmen Maseda o Cedeira SD e o CD Cariño (19:00 horas).
O encontro estará dedicado precisamente á que foi madriña do equipo cedeirés, falecida o pasado ano, cuxo nome leva agora o campo municipal. Ás 22:30 horas volverá a música á praza Roxa coa orquestra Fania Blanco Show e a música latina de Los Coleguitas, un grupo de venezolanos radicados en Galicia. E, á medianoite, botaranse os tradicionais fogos artificiais.
Para comezar a fin de semana, o sábado 16 agosto ás 11:00 horas haberá unha misa seguida da tradicional procesión marítima, co acompañamento musical da banda Vila de Cedeira. Ás 21:00 horas, subiranse ao escenario da praza Roxa Xurxo Fernandes, Budiño e Los Eternos.
As festas despediranse o domingo 17 de agosto coa Xira a San Antón, o tradicional encontro popular no que se comparten xantar, música, risas e conversas, e que contará coa actuación da orquestra New York a partir das dez e media da noite na praza Roxa.



