O xunta de Goberno local do Concello de Ferrol aprobou o expediente de contratación da reurbanización da praza de Rosalía de Castro e o viario que a rodea. “Hoxe damos un paso máis sacando a licitación esta obra tan demandada polos veciños de San Xoán”, comentou o alcalde, José Manuel Rey Varela.
O proxecto contempla a reurbanización dos máis de 2.300 metros cadrados da superficie, así como os pasos de peóns de acceso a ela desde a beirarrúa existente que a rodea. Estas obras garanten tránsitos peonís accesibles á praza desde todas as rúas que a circundan. Asemade, crearase un espazo para zona de xogos infantís ao norte da praza, que substituirá ao existente.
Ademais, está prevista a creación dun espazo libre e coidado, sen barreiras arquitectónicas, que axude a fortalecer o barrio actual, reforzando a circulación peonil. Prevese instalar badéns nos pasos de peóns para reducir a velocidade dos vehículos no perímetro do ámbito.
A escultura de Rosalía de Castro situarase nunha lámina situada na parte nordeste da contorna, liberándose o centro da praza sen comprometer o tránsito do usuario. O orzamento total desta intervención ascende a 945.828,58 euros e o prazo de execución é de nove meses.



