A exposición de Jorge Mirás con formas orgánicas e elementos verticais pode visitarse, dende o pasado luns ata o vindeiro 18 de decembro no Centro Empresarial do Tambre en Santiago
O artista Jorge Mirás vén de inaugurar, o pasado luns no Centro Empresarial do Tambre de Santiago, a exposición minimalista Inspirar/Expirar. Unha mostra composta por 24 obras do compostelán nas que emprega formas orgánicas e elementos verticais como uns bloques feitos con arxila que se adhieren ao lenzo.
“O obxecto desta exhibición é causar unha acción-consecuencia, é dicir que o público experimente un proceso de busca do inevitable”, explicou Jorge Mirás durante a presentación dunha mostra que pretende que o espectador se identifique coa obra explorando a idea de que cada peza se dilúa dende dentro provocando unha enorme inspiración.
Jorge Mirás crea no aberto, como unha forma de coñecemento, o que lle permite rachar cos corsés dos xéneros. A pintura foxe en volumes orgánicos coa forza da arxila, e a escultura disólvese no lenzo cunha nova gramática, na que Inspirar é a pregunta esencial, necesaria e imperceptible, e Expirar a palpitación mesma do ser.
Dese movemento minimalista de Inspirar/Expirar emerxen bloques a xeito de columnas, ou danzas de caixas torácicas que respiran, ou dedos que reptan, pastillas alongadas que buscan novos parámetros para a cor. “A cor fica nas cavidades e xoga coa luz natural neses ocos propiciados polas sombras”, matiza o artista compostelán. Con referentes claros en Donald Judd o Dan Flavin, Jorge Mirás suxírenos sermos diminutas e entrar nesta experiencia inmersiva sensorial ou, sinxelamente, fluír.
A mostra poderase visitar ata o 18 de decembro, en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas (recoméndase avisar previamente da visita no teléfono 981 55 28 50).
Jorge Mirás, perfil e traxectoria
Nado na rúa de Abaixo en Compostela e formado na Escola de Artes e Oficios Mestre Mateo en Santiago, Jorge Mirás (Compostela, 1967) leva toda a súa vida implicado nas artes gráficas, como deseñador ou publicista, pero tamén, durante máis de 30 anos, dende as áreas de maquetación e dixitalización nas redaccións de El Correo Gallego e Galicia Hoxe. Como interiorista e artista plástico está involucrado en varios proxectos aínda en marcha sendo Inspirar/Expirar a súa segunda mostra na capital galega.




