A 51ª Festa do Queixo de Arzúa xa está en marcha. O Concello vén de anunciar oficialmente as datas desta nova edición que se desenvolverá do 27 de febreiro ao 1 de marzo. Unha das festas gastronómicas e culturais máis xenlleiras e antigas de Galicia, e que reafirma o seu papel como referente da comunidade.
Dende a pasada edición, na que cumpriu medio século, a Festa do Queixo de Arzúa forma parte da Ruta Europea do Queixo, un recoñecemento que sitúa ao municipio no mapa internacional das grandes tradicións queixeiras.
Aínda que a temática desta 51ª edición non foi desvelada, a organización adiantou que estará vencellada á historia de Galicia, o que permitirá conectar o patrimonio cultural galego coa tradición queixeira da comarca.
Durante os tres días de celebración, Arzúa encherase do sabor do seu queixo con Denominación de Orixe Protexida Arzúa-Ulloa, así como das outras denominacións de orixe galegas, dos produtores artesanais certificados e dunha ampla mostra de queixos procedentes de todo o país e tamén internacionais. Un encontro diverso e de calidade que converte a festa nun escaparate único para profesionais, amantes do queixo e público xeral.
Nas próximas semanas, segundo indicaron dende a organización da Festa do Queixo, ao longo do mes de decembro, abrirase tamén o prazo de inscrición de expositores, un dos momentos máis agardados tanto polas queixerías como polo sector gastronómico.
O Concello de Arzúa lembra que, a medida que se achegue a data, iranse anunciando novidades sobre a temática da 51ª celebración, o programa musical e as actividades complementarias a través das canles oficiais da Festa do Queixo.




