A mostra de Josecho González pódese visitar no espazo de arte de Roberto Verino, en Ourense, dende o pasado día 1 de xullo ata o vindeiro 30 de agosto, tras unha inauguración á que asistió o deseñador de Verín
Josecho González, artista carballés, inaugurou a exposición Geometrías, o pasado martes 1 de xullo no espazo de arte de Roberto Verino, na rúa do Paseo da cidade de Ourense, e que se poderá visitar ata o vindeiro sábado 30 de agosto.
O autor, Josecho González, está interesado dende temperá idade no mundo das artes plásticas, e é na súa madurez cando penetra plenamente nel, establecendo un contacto máis directo coa arte a través dun proceso autodidacta que o leva a desenvolver un estilo propio co que se identifica totalmente.
A obra de Josecho Gonález, que se pode visitar no espazo de arte de Roberto Verino, enmárcase na abstracción xeométrica, caracterizada polo uso de formas xeométricas organizadas de maneira lóxica, que dan lugar a composicións cheas de cor, ritmo e movemento. O resultado é unha harmoniosa conxunción de plasticidade, cromatismo e forza formal.

Cada peza do traballo de Josecho González preséntase como unha obra autónoma, sen intención de representar conceptos externos, na que a cor e o fondo adquiren protagonismo. Así, recupera as posibilidades expresivas da forma e a cor como medios pictóricos, convidando o espectador a interactuar e interpretar libremente a obra.
Josecho González expuxo en diversas salas e museos de Galicia, tanto de forma individual como colectiva, así como en espazos de Braga, O Porto e Madrid. Tamén participou en bienais e feiras internacionais en Portugal e París. Algunhas das súas obras forman parte de coleccións privadas e de institucións como a Fundación Paideia da Coruña.
Actualmente, Josecho González vive e traballa en Carballo, onde ten o seu estudo. Desde alí continúa desenvolvendo novas obras en distintos formatos, creando estruturas xeométricas máis complexas e explorando a superposición de formas. Paralelamente, prepara a súa incursión no ámbito da escultura, sempre baixo a influencia da abstracción xeométrica.




