O primeiro festival Camiño Pop, o vindeiro sábado 12 de xullo, está pensado como un tardeo musical de catro horas no que soarán os mellores temas dos anos das décadas dos 80, 90 e 2000
A primeira edición do Camiño Pop converterá a praza de Galicia de Arzúa, o sábado 12 de xullo, no epicentro da música pop-rock. Unha nova proposta impulsada pola Concellería de Turismo que busca animar o verán con boa música e ambiente festivo, tanto para a veciñanza como para as persoas que visitan o municipio.
O festival Camiño Pop arrancará ás oito da tarde e está pensado como un tardeo musical de catro horas, no que soarán os mellores temas dos anos das décadas dos 80, 90 e 2000, nunha experiencia que mestura música en directo, espectáculo e nostalxia, e cuxa entrada é de balde.
O prato forte da xornada será o concerto da banda Pop In Black, un grupo formado por músicos profesionais cun repertorio que supera as 100 cancións e que percorre o mellor do pop e do rock en español das últimas décadas. A banda, liderada polo cantante de orixe arzuán Román Mosteiro, destaca non só pola súa calidade musical senón tamén pola posta en escena: visten como os axentes especiais da película Men In Black, asumindo o papel de protectores do universo fronte ao reggaetón, cun espectáculo cargado de medleys, mashups e versións moi recoñecidas.
A festa continuará co Dj The Busking Gentleman, residente dun dos tardeos máis coñecidos da cidade da Coruña, que traerá a súa selección musical para completar unha noite inesquecible, dun Camiño Pop que forma parte da programación de verán coa que o Concello de Arzúa aposta por dinamizar o municipio con actividades culturais que combinen entretemento, participación cidadá e identidade local.
Con esta iniciativa queremos dar visibilidade ao talento musical vinculado con Arzúa, como é o caso de Román Mosteiro, e ofrecer unha proposta atractiva tanto para a veciñanza como para todas as persoas que nos visitan no marco do Camiño de Santiago. O Camiño tamén pode soar a pop” (Begoña Balado, concelleira de Turismo de Arzúa)



