PUBLICIDADE

O Carballiño protagoniza a inauguración da caseta Lar Gallego no inicio da Feira de Abril de Sevilla

A casa rexional, a máis antiga da capital hispalense, dedica este 2026 a súa caseta ao Concello do Carballiño, cuxos representantes participaron na tradicional Cena del Pescaíto que dá o pistoletazo de saída á Feira de Abril

O Carballiño foi o protagonista na inauguración da caseta da asociaición Lar Gallego de Sevilla, o pasado luns durante a tradicional Cena del Pescaíto que dá inicio a Feira de Abril na capital hispalense. Este ano, a caseta de Lar Gallego está adicada á vila do Arenteiro, que abriu as súas portas para os numerosos socios e socias da entidade, que cearon rodeados de imaxes de enclaves únicos do Carballiño como o Templo da Veracruz, o Gran Balneario, o Parque Municipal ou o Parque Etnográfico.

José Castro-Gil, alcalde en funcións, e Manuel Dacal, concelleiro de Turismo e Industria, asistiron á inauguración da caseta do Lar Gallego, na que puideron confraternizar cos socios e desfrutar do ambiente da Feria de Abril.

“Este é un dos eventos festivos máis importantes a nivel nacional, polo que só podemos estar agradecidos de que O Carballiño estea presente”, recalcou Castro-Gil. A Asociación Lar Gallego adica cada ano a súa caseta a unha vila galega distinta, o que permite promocionala diante dos milleiros de visitantes do recinto ferial. “Agardamos que esta sexa a primeira de moitas colaboracións”, apuntou o alcalde en funcións.

PUBLICIDADE

Pola súa parte, Manuel Dacal, concelleiro de Turismo, puxo en valor as “grandes xoias” da vila do Arenteiro, que ata este domingo, día 26 de abril, lucirán colgadas das paredes da caseta. Xunto co Templo da Veracruz, o Gran Balneario, o Parque Municipal e o Parque Etnográfico tamén se poden ver imaxes da Festa do Pulpo, a Semana Santa, o Mosteiro de Oseira, o Bañiño de Arcos, Caldas de Partovia ou a Insua dos Poetas.

“Estamos vendo como crece o número de visitantes no noso municipio, acabamos de pechar unha Semana Santa con cifras históricas e estamos seguros de que esta promoción vai resultar moi beneficiosa”, apuntou Dacal, quen tamén agradeceu a implicación do Lar Gallego.

O presidente do Lar Gallego de Sevilla, José Antonio Otero, subliñou a importancia desta iniciativa anual como ferramenta de conexión entre territorios e manifestou que “para nós é fundamental abrir cada ano a nosa caseta a diferentes municipios galegos. É un xeito de achegar a súa riqueza cultural, patrimonial e turística ao público andaluz e aos miles de visitantes que pasan pola feira”.

Otero destacou ademais que esta aposta “reforza a interculturalidade e contribúe a estreitar os vínculos galaico-andaluces, que historicamente foron moi fortes”, á vez que lembra que o Lar Gallego “segue traballando para ser un espazo vivo onde Galicia e Andalucía atópense, dialoguen e enriquézanse mutuamente”.

Fundado en 1956, o Lar Gallego de Sevilla é unha das casas rexionais máis antigas da capital hispalense e un referente na preservación e difusión da cultura galega no sur de España. Ao longo dos seus case sete décadas de historia, a entidade mantivo vivas as tradicións, a gastronomía, a música e os costumes de Galicia, converténdose nun punto de encontro crave para a comunidade galega e unha ponte cultural entre territorios.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.