PUBLICIDADE

O Festival de Habaneras contará coas corais de Sada, A Cañiza e Cenlle, e co Orfeón do Carballiño

Acto de presentación do XXXI Festival de Habaneras do Carballiño, que este sábado contará coas corais de Sada, A Cañiza e Cenlle, e o Orfeón do CarballiñoActo de presentación do XXXI Festival de Habaneras do Carballiño, que este sábado contará coas corais de Sada, A Cañiza e Cenlle, e o Orfeón do Carballiño

O Festival de Habaneras do Carballiño, que se desenvolverá de balde este sábado no Auditorio Manuel María, tamén homenaxeará ao músico e docente ourensán Carlos Núñez

O Festival de Habaneras do Carballiño, que organizan colaborativamente o Concello e o Orfeón da localidade ourensá, desenvolverase este sábado 26 de xullo no Auditorio Manuel María. O festival, que suma a súa 31ª edición, é unha das iniciativas musicais máis queridas entre a veciñanza e os visitantes durante a época estival.

O Festival de Habaneras contará coas actuacions de catro grandes agrupacións: Coral Souto da Igrexa de Meirás (Sada), Coral Polifónica A Cañiza, Rondalla Alfaia de Cenlle e o propio Orfeón do Carballiño. O repertorio inclúe cancións habaneras e latinoamericanas, que lembran a música que trouxeron os moitos veciños da comarca que cruzaron o charco en busca dunha vida mellor.

En palabras de Diego Fernández, concelleiro de Cultura, este Festival de Habaneras “homenaxea aos emigrantes e a cultura que foi e volveu, e tamén nos permite escoitar músicas doutros lugares sen movernos do Carballiño”. O edil puxo en valor, durante a presentación do Festival, o traballo e esforzo levado a cabo polo Orfeón, que cada ano convida ás mellores corais

PUBLICIDADE

Pola súa parte, Rogelio Rodríguez, presidente do Orfeón do Carballiño, agradeceu a boa resposta da poboación, que cada ano “enche o auditorio”. Nesta edición do Festival de Habaneras, a organización homenaxeará ao músico e docente ourensán Carlos Núñez. Christian Casas, director do Orfeón, puxo en valor a traxectoria profesional de Núñez, así como a súa faceta de impulsor de eventos musicais como o Ourencanto.

Christian Casas asegurou tamén que as cancións interpretadas o sábado serán “fermosas” e adiantou que o Orfeón do Carballiño e a Rondalla Alfaia presentarán unha obra “moi especial, bonita e pegadiza”. A entrada neste Festival de Habaneiras é de balde, polo que as entradas se adxudicarán en orde de chegada ao Auditorio.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.