Medio cento de veciños e veciñas de Brión, de 60 ou máis anos, participaron o pasado martes na terceira das catro excursións organizadas polo Concello dentro do seu programa Xornadas de Verán.
Unha saída que os levou ata a localidade ourensá de Ribadavia, na que “percorremos as súas rúas empedradas descubrindo o legado da comunidade xudía e gozamos da súa beleza cargada de historia; tivemos unha degustación nunha adega, almorzamos no balneario de Laias e rematamos cun paseo polo Carballiño. Pero, sobre todo, compartimos risas, conversas e momentos que fortalecen os lazos de unión entre a nosa veciñanza”, asegurou o alcalde de Brión, Pablo Lago, que acompañou á expedición xunto á concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero.
A derradeira excursión das Xornadas de Verán terá lugar o próximo mércores 30 de xullo e o destino será a vila de Mondoñedo, con visita guiada á catedral e ao Museo da Imprenta… almorzo en Burela e percorrido guiado por Ribadeo durante a tarde.







