O Pazo da Peregrina foi o escenario da entrega da medalla ao académico e reitor Antonio López, veciño do Concello de Ames dende hai máis de 30 anos
Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e veciño de Ames dende hai máis de 30 anos, recibiu onte no Pazo da Peregrina a Medalla de Ames durante o tradicional acto institucional que celebra anualmente o Concello co gallo do Día de Galicia, o 25 de xullo.
Marcos Valcárcel, músico e violinista galego, foi o encargado de dar comezo ao acto coa interpretación dunha peza musical. Un acto que conduciu a xornalista e presentadora Susana López Carbia, no que o Concello de Ames conmemorou o Día de Galicia, o día das galegas e dos galegos, e ao mesmo tempo, rendeulle homenaxe ao académico e reitor Antonio López, veciño de Ames dende o ano 1991.
O alcalde, Blas García, comezou a súa intervención poñendo en valor o aumento de poboación en Ames nos últimos anos, “somos un concello vivo, que medra, que acolle. Un dos poucos lugares nos que hai máis nacementos que mortes, símbolo claro de dinamismo, de futuro e de convivencia. Aquí hai vida, hai familias novas, hai escolas que se enchen. Aquí hai esperanza real, non discursos baleiros”, incidiu o rexedor.
En canto á actividade profesional de Antonio López, o alcalde salientou que “a súa traxectoria, marcada polo diálogo, a responsabilidade e a defensa da universidade pública, é un exemplo da Galicia que queremos: a que educa, a que pensa, a que constrúe futuro desde a palabra e o coñecemento”.
Unha vez rematada a intervención do alcalde, foi o mesmo Blas García quen lle entregou a Antonio López, a medalla do Concello de Ames, a máxima distinción que condede o municipio. O homenaxeado admitiu que recibir este recoñecemento “foi toda unha sorpresa, xa que nunca fun consciente de ter feito algún mérito especial para merecer a medalla. Precisamente por iso síntome moi agradecido pola xenerosidade do Concello e o cariño dos veciños que recibín dende o primeiro momento”.
Levo máis de media vida en Ames, e esa proximidade e facilidade que ofrece o Concello, xunto coa posibilidade de poder gozar dunha vivenda con espazo e preto do rural son elementos que me fixeron sentir sempre moi cómodo vivindo aquí, ademais do estilo de vida, que é moi semellante á vida de pobo coa que me criei” (Antonio López, académico e reitor da USC)
Antonio López destacou tamén que “é unha honra poder compartir esta distinción con outras persoas tan relevantes, algunhas delas tamén vencelladas ao mundo académico coma min, o que significa que a pesar de que a universidade está afincada en Santiago, existe un vínculo moi forte entre a institución e Ames”.
O acto de entrega da medalla do Concello de Ames co gallo do Día de Galicia, pechouse co himno galego, que foi interpretado tamén por Marcos Valcárcel e cantado por todos os asistentes.














