PUBLICIDADE

O Parlamento Xove decidiu no Carballiño os oito equipos finalistas na categoría de Bacherelato

Participantes no Parlamento Xove, na fase clasificatoria de Bacherelato do Carballiño, dunha iniciativa organizada pola XuntaParticipantes no Parlamento Xove, na fase clasificatoria de Bacherelato celebrada no Carballiño a pasada fin de semana

O Parlamento Xove celebrou a pasada fin de semana no Carballiño a fase clasificatoria de Bacherelato con 127 participantes en 24 equipos dos que oito conseguiron unha praza para a final no Parlamento de Galicia en xuño

O Parlamento Xove, iniciativa posta en marcha pola Xunta no 2010, celebrou a pasada fin de semana a fase clasificaroria de Bacherelato. A actividade reuniu a 127 participantes divididos en 24 equipos que debatiron por lograr un dos oito postos que outorgan unha praza na final, que terá lugar no Parlamento de Galicia no mes de xuño.

O Parlamento Xove, dividido en catro categorías (ESO, Bacherelato, FP e Universidade) e organizado pola Consellería de Cultura Lingua e Xuventude, suma desde o seu nacemento coa participación de máis de 3.700 estudantes e máis de 750 equipos. Este ano ademais, como novidade, incluiuse a modalidade Posformativa que conta con tres equipos e seis participantes.

Así, os diferentes equipos tiveron que refutar ou defender a pregunta: A dixitalización mellora realmente a calidade da aprendizaxe? Os cruces dos debates, tres en total por formación, decidíronse por sorteo o venres coa chegada dos estudantes á Residencia de Tempo Libre do Carballiño na que se desenvolveu esta fase.

PUBLICIDADE

O sábado, en diferentes salas, desenvolvéronse ao longo da xornada os debates que seguiron a mesma estrutura con catro turnos por equipo: presentación da postura e tese, dúas refutacións con argumentos e referencias e unha conclusión, cun tempo limitado. Ao remate, a valoración e puntuación do xurado reflectía aspectos como a argumentación, coherencia da estrutura do turno, oratoria ou grao de convencemento.

Así, ao remate da xornada os oito equipos clasificados para a gran final do Parlamento Xove, que terá lugar no Pazo do Horreo en xuño, foron por orde de puntuación: IES Rafael Puga Ramón-2, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES de Mos, IES Río Cabe, CPR Plurilíngüe La Salle-1, IES Rafael Puga Ramón-1 CPR Plurilíngüe Compañía de María e IES As Mariñas.

“Parlamento Xove é un dos programas dirixidos á xuventude máis consolidados”, asegurou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos na súa visita aos equipos participantes nesta fase clasficatoria, destacando que “o obxectivo desta actividade é fomentar entre a mocidade habilidades como o traballo en equipo, a expresión oral ou a argumentación razoada”. Así, puxo en valor a “profesionalidade dos participantes á hora de investigar e analizar temas que afectan á sociedade na que viven”, así como a súa capacidade como xeradores de pensamento.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.