O XVII Santiago(é)Tapas, organizado por Turismo de Santiago co apoio da Deputación da Coruña, pechou a fase de degustación e votación popular desta nova edición na que os 48 establecementos participantes ofreceron un total de 76 petiscos, do 19 de febreiro ao 8 de marzo, vendendo máis de 33.000 unidades, incrementándose a cifra nun 10 % repecto ao ano pasado, na que se contabilizaron 30.000 tapas, e fronte ás 25.000 do 2024, primeira edición desde o cambio de novembro a febreiro.
Agora, o Santiago(é)Tapas dará a coñecer, o vindeiro luns na Sala Mozart do Auditorio de Galicia a partir das sete da tarde, o nome das 10 tapas premiadas nas distintas categorías, que serán elixidas do voto ponderado polo xurado profesional (60 %) e polo público (40%).
Os tres principais premios do XVII Santiago(é)Tapas, dotados con 1.000 euros, son á Mellor Tapa Creativa que ademais representará a Santiago no concurso De Tapas por Galicia da Xunta, premio á Mellor Tapa Tradicional e á Mellor Tapa Doce.
Ademais, as votacións do xurado e do público tamén outorgarán os premios á Mellor Tapa en maridaxe con Viño (500 euros en produto), Mellor Tapa en maridaxe con Cervexa (500 euros en produto), Mellor Tapa con produto de DOP, IXP, Produción Ecolóxica ou Artesanía Alimentaria (Lote de produtos da Axencia Galega de Calidade Alimentaria); Mellor Tapa Vexetariana/Vegana (400 euros en produto) e Mellor Tapa sen glute (200 euros para comprar produtos sen glute).
Durante o acto de entrega de premios do Santiago(é)Tapas tamén se realizará o sorteo dunha estadía de dúas noites con almorzo no Hotel Gaio 7 en Santiago, cortesía de Vimbio, entre todas as persoas que votaron polas tapas a través dos códigos QR que se atopaban nos locais participantes.




