O VII Premio Laudamuco, dotado con 7.000 euros e a edición da obra está organizado polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas
O Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas veñen de convocar a sétima edición do Premio Laudamuco para Textos Teatrais. Un premio que toma o seu nome en homenaxe a Laudamuco, señor de ningures, obra de Roberto Vidal Bolaño que tivo a súa estrea 16 de maio de 1978 a cargo da compañía de teatro Antroido e baixo a dirección de Eduardo Alonso, que supuxo o inicio da singradura profesional do teatro galego.
O Premio Laudamuco de Textos Teatrais está dotado con 7.000 euros e a edición da obra gañadora, sendo o galardón teatral de maior dotación económica de Galicia. “Convocamos este premio coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega e para contribuír ao recoñecemento de Roberto Vidal Bolaño, ilustre veciño de Brión, por todo o que representou e segue a representar para a nosa cultura“, indicou o alcalde Pablo Lago sobre un certame que pecha o seu prazo de recepción de obras, só en formato dixital, o 29 de xaneiro de 2025 ás 23:00 horas.
Poden optar ao VII Premio Ludamuco de Textos Teatrais todas as persoas de calqueira nacionalidade que presenten unha obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega, con tema e extensión libres.
Os traballos deberán enviarse ao correo electrónico premiolaudamuco@concellodebrion.gal indicando no “Asunto” o texto “VII Premio Laudamuco” e adxuntando dous arquivos: o texto en formato PDF co “título da obra e pseudónimo ou lema elixido” sen ningún elemento co que se poida identificar a autoría da obra; e unha plica tamén en PDF co nome “Plica, título da obra e pseudónimo ou lema elixido” e que conteña os seguintes datos: título, pseudónimo, lema, nome completo do autor, DNI, móbil, dirección de correo electrónico e un breve currículo.
Acto de de entrega do Premio Laudamuco para Textos Teatrais
A entrega do VII Premio Laudamuco para Textos Teatrais terá lugar o 16 de maio de 2025, no transcurso dun acto organizado polo Concello de Brión co gallo do 46 aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para a persoa premiada.