PUBLICIDADE

Roberto Verino: “Creo nunha moda que coide ás persoas e ao planeta, que aposte pola proximidade e a identidade”

O deseñador ourensán Roberto Verino vén de presentar a a súa nova colección
O deseñador ourensán Roberto Verino “aposta pola calidade, pola atemporalidade e pola honestidade no deseño, e reivindica a elegancia sinxela”

O deseñador ourensán Roberto Verino acaba de presentar a súa nova colección FW25, da que nos fala ademais de facer un percorrido pola prestixiosa marca internacional de moda que ten o seu epicentro en Ourense.

Cales son as claves desta nova colección?
A clave está, como sempre, en facer as cousas ben. En apostar pola calidade, pola atemporalidade e pola honestidade no deseño. É unha colección que reivindica a elegancia sinxela, esa que non precisa demostrar nada porque fala por si soa. Traballamos coas mellores materias e cun patronaxe que busca favorecer a quen o viste, non impoñerse. A moda, para min, é acompañar ás persoas, non disfrázalas.

Cal é a vosa fonte de inspiración?
A vida cotiá e Galicia. A miña terra segue a ser o punto de partida de todo o que fago: a luz, a natureza, a xente, esa maneira pausada de entender o tempo. Tamén me inspiran as persoas reais, as que teñen personalidade e non precisan seguir tendencias para sentirse ben. A inspiración está en mirar con atención o que nos rodea e transformar iso en algo que perdure.

PUBLICIDADE

Como é a muller e o home que viste Roberto Verino?
Son persoas seguras de si mesmas, que valoran a discreción e o bo gusto. Buscan sentirse cómodas e auténticas, non destacar por exceso. A muller e o home Verino teñen algo en común: cren que a elegancia nace do respecto —cara un mesmo e cara os demais— e saben que vestir ben é unha forma de expresar equilibrio e serenidade.

Cales son os valores da vosa marca?
Os valores de sempre: calidade, honestidade, compromiso e humanidade. Nunca quixen que Roberto Verino fose só unha marca de moda, senón unha forma de facer e de vivir. Apostamos pola produción responsable, polo talento local e pola sustentabilidade entendida como sentido común. Creo profundamente na moda que suma e que deixa unha pegada positiva.

Cal é a esencia de Roberto Verino dos comezos que está hoxe latente nas coleccións máis actuais?
A mesma mirada. Esa vontade de crear pezas que acompañen no tempo, que conten historias e que transmitan calma. O paso dos anos non mudou a esencia, só a fixo máis consciente. Seguimos a defender a elegancia natural e a beleza da autenticidade, porque o estilo verdadeiro non caduca nunca.

Por onde pasa o futuro a curto prazo da moda galega, nacional e internacional?
O futuro pasa por ser máis responsables e máis humanos. A tecnoloxía é unha gran aliada, pero o verdadeiro reto é non perder o sentido do oficio nin a emoción que hai detrás de cada prenda. A moda galega ten moito que dicir nese camiño, porque nace dun territorio que entende o valor do tempo, da natureza e das cousas ben feitas. Creo nunha moda que coide ás persoas e ao planeta, e que aposte pola proximidade e pola identidade.

Cales son actualmente os vosos mercados exterior con maior peso?
Francia, Portugal e México son mercados nos que temos unha presenza sólida e unha relación moi estable. Pero máis aló das cifras, o que nos interesa é manter unha coherencia global: que quen vexa unha peza de Roberto Verino en calquera lugar do mundo recoñeza nela a nosa maneira de entender a elegancia e a vida.

Cal é o segredo para seguir sendo un referente na moda mundial dende Ourense?
Non hai segredo, hai constancia. Levar máis de catro décadas facendo o mesmo: traballar con paixón, rodearme de xente comprometida e non perder nunca o norte. Ourense é o meu lugar no mundo, e dende aquí démonos conta de que non fai falta estar en ningunha capital para facer as cousas ben. Basta con ter unha visión clara, un equipo que crea nela e moito respecto polo que fas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.