O Concello de Ferrol adxudicou as obras de conservación e mantemento da envolvente do centro cívico de Caranza á empresa Prosema Noroeste SL, por 499.475,90 euros. Así, a adxudicación aprobada pola xunta de Goberno local supón un aforro para as arcas municipais de máis de 80.000 euros. O prazo de execución é de seis meses.
O alcalde, José Manuel Rey Varela, amosou a súa satisfacción pola execución desta importante actuación. Grazas a ela “os veciños de Caranza poderán desfrutar do centro cívico en mellores condicións, aproveitando todo o seu volume”, asegurou.
Entre as obras que se levarán a cabo está a substitución da cuberta de bandexas de zinc por un novo sistema de bandexas de zinc natural, que permitirá solucionar os problemas existentes da impermeabilización. No volume do salón de actos, retirarase a cuberta para instalar unha cubrición a base de bandexas de zinc natural con xunta alzada e dobre engatillado. Ademais, impermeabilizarase o muro baixo rasante e realizarase un saneado e repintado das zonas afectadas.
Coas melloras previstas, espérase unha correcta protección do centro cívico fronte aos axentes atmosféricos e que “as súas dependencias interiores poidan ser utilizadas en condicións adecuadas de seguridade e salubridade”, finalizou o alcalde de Ferrol.
FERROL APROBA A LICITACIÓN DA ENVOLVENTE ESTRADA CASTELA 22
O Concello de Ferrol tamén aprobou sacar a licitación o proxecto básico e de execución de rehabilitación da envolvente “Estrada de Castela 22. Barrio de Recimil”. O orzamento total é de 366.979,44 euros e o prazo de execución é de seis meses.
O edificio de tres alturas componse de oito vivendas, dúas por planta. Con esta obra melloraranse as súas condicións térmicas, de estabilidade e de imaxe urbana, así como a calidade de vida da veciñanza deste inmoble. Este proxecto inclúese no marco do convenio de rehabilitación de vivendas. Vencéllase coa execución dos programas de axuda en materia de rehabilitación residencial e vivenda social, por importe de seis millóns de euros, que asinou o Goberno local en 2023.
A semana pasada comezaron xa as obras da envolvente da rehabilitación da rúa Neda, 1-4, que conta cun orzamento de algo máis dun millón de euros. Asemade, está en licitación esta mesma actuación de envolvente no edificio número 8 da estrada de Castela, por 247.271 euros.
En total, estas tres actuacións de envolventes para mellorar a habitabilidade nestes inmobles supera os 1,6 millóns de euros. “O investimento na mellora das envolventes de edificios e espazos públicos en Ferrol continúa consolidándose como unha prioridade”, remarcou o rexedor. A planificación destas obras tamén busca promover a eficiencia enerxética, reducir os custos de mantemento e ofrecer contornas máis seguras e confortables para os residentes.




