PUBLICIDADE
Gabriel Quispe, gañador da pasada edición de Talentos by Abril, elaborou durante a presentación dous pratos para os asistentesGabriel Quispe, gañador da pasada edición de Talentos by Abril, elaborou durante a presentación dous pratos para os asistentes

O certame Talentos by Abril, que suma a súa cuarta edición, foi presentado hoxe, e outra das novidades é a participación de oito escolas máis, pasando de 16 a 21 centros de FP

Talentos by Abril, concurso gastronómico dirixido ao alumnado de Cociña de Formación Profesional, tivo esta mañá a presentación da súa cuarta edición no Mercado de Abastos de Santiago. Alí, a directora de márketing de Aceites Abril, Elena Pérez Canal; o chef Iñaki Bretal, estrela Michelín e responsable dos restaurantes O Eirado da Leña (Pontevedra) e Restaurante Anda (Lugo); así como o cociñeiro Miguel Mosteiro, de Gastrolab Arousa, anunciaron a incorporación de dúas novas comunidades, Navarra e Castela a Mancha, chegando a sumar 21 centros de FP.

Como en anteriores edicións, Talentos by Abril está dirixido ao alumnado, de 18 a 38 anos, do Ciclo Medio de Cociña e do Ciclo Superior de Dirección de Cociña I e II dun total de 21 centros de FP públicos de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, Madrid, Castela a Mancha e Navarra. De todos eles, só oito pasarán á final do concurso, o venres 13 de marzo no Centro Superior de Hostalería de Galicia, en Santiago.

Outra das novidades desta cuarta edición, ademais da incorporación das novas comunidades, é a participación de 8 centros de Formación Profesional máis, pasando dos 16 aos 21 centros. O certame culinario desenvolverase en tres fases. En primeiro lugar, Aceites Abril impartirá unha Masterclass formativa para uns 840 alumnos e alumnas dos centros participantes, nos que poderán catar as diferentes variedades de aceite de oliva virxe extra así como as súas aplicacións.

PUBLICIDADE

A primeira Masterclass terá lugar, mañá venres 9 de xaneiro, no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra. E, a última desenvolverase o 26 de xaneiro no CI Burlada de Navarra, despois de percorrer os 21 centros participantes. Xa na segunda fase realizarase unha rolda de selección por vídeo chamada, na que un xurado, composto por profesionais de Aceites Abril e un profesor por centro, elixirán a un estudante por cada unha das escolas de FP que se presentan.

Todos os estudantes interesados en participar deberán cociñar unha receita de elaboración propia na que se inclúan os aceites de oliva virxe extra de Abril e produtos amparados en DOP/IGP ou selos de calidade do norte e centro de España.

O xurado de Aceites Abril e un xurado técnico seleccionarán aos 8 finalistas dos 21 seleccionados que terán dúas semanas para perfeccionar as súas propostas que elaborarán en directo na final, no Centro Superior de Hostalería de Galicia de Santiago o venres 13 de marzo, e da que sairá o gañador desta cuarta edición.

Os xuíces valorarán aspectos como a creatividade da proposta, a elegancia, a presentación, as técnicas utilizadas ou o sabor e a maridaxe do prato. O gañador recibirá dous premios: o seu nomeamento como Cociñeiro residente de Aceites Abril e unha bolsa de estudo para a realización do Curso Superior de Chef en Cociña e Pastelería do Centro Superior de Hostalería de Galicia. O segundo finalista recibirá un lote de produtos de Aceites Abril, así como a posibilidade de participar en eventos promocionais da marca ourensá a nivel rexional e nacional.

Gabriel Quispe, gañador do III Talentos by Abril

O acto de presentación, no que tamén participaron os directores do AGACAL e Galicia Calidade, Martín Alemparte e Ana Méndez, tivo como protagonista a Gabriel Quispe, gañador da última edición que, xunto co seu titor Roberto Bermejo, compartiu a súa experiencia no certame asegurando que “aínda que sempre hai nerviosismo, ao final hai que tratar de soportalo. No meu caso leveino mal, pero ao final quedei contento co prato”, e recomendou aos futuros participantes que se “sintan cómodos co que se fai e ir cunha idea clara”.

E como non podía ser doutra maneira, o propio Gabriel Quispe deleitou o padal dos presentes con dúas propostas culinarias: Porro confeitado en Picual, con escuma de Queixo San Simón DOP e faragullas con lacón; e para pechar cun toque doce elaborou un Mousse de chocolate branco e Aceite de oliva virxe extra Abril Colleita Propia, con kiwi en caldo de azucre, demostrando unha vez máis o nivel de cualificación dos participantes no certame Talentos by Abril.

Acto de presentación da IV edición do certame culinario Talentos by Abril dirixido ao alumnado de Cociña do centro e do norte de España
Presentación do IV certame Talentos by Abril dirixido ao alumnado de Cociña de 21 centros de Formación Profesional

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.