PUBLICIDADE

Unha completa Festa do Galo Piñeiro, con concursos, exhibicións, música, obradoiros, mostra hípica ou artesania chega de novo a Arca

PorBisbarra

Luns, 29 Xullo 2024 , , ,
Exposición durante a edición do ano pasado da Feira de Galos e Galiñas de Raza PiñeiraXXII Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira. Exposición monográfica de 2023

Os concursos equinos e a exhibición de galiñas e galos serán os grandes protagonistas o domingo no concello de O Pino

Xa está todo listo para o pistoletazo de saída dunha nova edición da Festa do Galo Piñeiro e a Mostra Cabalar que organiza o Concello de O Pino os vindeiros 3 e o 4 de agosto. Unha celebración cuxo programa inclúe un espectáculo de motocross co campión español Pedro Moreno e o inglés Greg Rowbottom, os concertos do grupo Ailá e da Banda de Música de Arca, a mostra Artesanía no Camiño ou o espectáculo ecuestre de Paco Martos e que durante a primeira fin de semana de agosto reunirá milleiros de persoas en Arca.

Pero o protagonismo, como non podía ser doutro xeito, é para a exhibición de galiñas e galos piñeiros vivos, con premios para os mellores exemplares, e para os diferentes concursos da mostra cabalar, dunha Festa do Galo Piñeiro declarada de Interese Turístico de Galicia. Ademais, a programación tamén contará con obradoiros, actividades infantís, degustacións de galo, o tradicional xantar popular e moita música e troula. Como novidade, nesta edición desenvolverase tamén a feira de Artesanía no Camiño, que ten como obxectivo amosar o labor e as pezas creadas por todas as persoas que traballan a prol da conservación das tradicións e da cultura da comarca.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

As bombas de palenque anunciarán o inicio da festa o domingo, para despois, contra as 9:00 horas, abrirase a Mostra Cabalar e, ás 10:00 horas, iniciarase a XXIII edición da Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira. As propostas para visitantes e veniñanza iranse sucedendo dende as 11:00 horas, coa actuación da charanga NBA e a apertura da feira Artesanía no Camiño que contará con talleres, demostración de bolillos, bordado ao aire, coiro, xoguetes de madeira e actividades para toda a familia como os xogos e espectaculos de rúa Mini festival circense (13:00 horas) e Hoxe si! (18:00 horas). 

Xa ben pasado o mediodía, ás 13:00 horas, comezará a sesión vermú coa actuación de EME Music e a degustación de balde do galo piñeiro, ademais de dar lectura ao pregón que nesta edición correrá a cargo da delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo Piñeiro.

O concurso de galos e galiñas vivas de Raza Piñeira repartirá premios entre os tres mellores exemplares de galos e galiñas piñeiras, os tres mellores galos de curral e ao mellor animal de exposición. Os interesados en participar poden facer as súas inscricións a partir das 9:30 horas na propia feira, na praza de Forcarei, e ás dez da mañá comezarán os concursos. Posteriormente será a quenda da entrega de premios (14:30 horas) que dará paso ao xantar popular na carpa instalada na mesma praza.

Degustación de balde de galo piñeiro a cargo do restaurante A Magdalena, na pasada edición
Degustación gratuíta de galo piñeiro a cargo do restaurante A Magdalena

Para a Mostra Cabalar, as inscricións poderán realizarse a partir das 9:30 horas, comezando os diferentes concursos, que nesta edición reparten un total de 3.400 euros en premios, ás dez da mañá. Pola tarde, reiniciaranse os concursos e farase entrega do premio especial Faísca, ao mellor exemplar de Pura Raza Española nado e criado en Galicia. A partir das 19:00 horas terán lugar as probas de arrastre e trotóns, outro dos grandes atractivos desta festa, e entregaranse os premios aos gañadores desta edición da mostra.

O espectáculo ecuestre de Paco Martos (20:00 horas), que xa o ano pasado causou moita atracción cunhas 2.000 persoas asistentes, poñerá o broche de ouro ao día grande desta nova edición da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar.

Preto dun cento de equipos participaron na Mostra Cabalar o ano pasado
Preto dun cento de equipos participaron na XXII Mostra Cabalar que rematou con probas de arrastre e de doma e cun espectáculo ecuestre nocturno

Aínda que o domingo é o día grande desta celebración co protagonismo dos galos, galiñas e cabalos, na xornada previa, o sábado 3 de agosto, os visitantes e veciños poderán desfrutar, a partir das sete da tarde, na rúa Nova (Campo da Festa de Arca) dun espectáculo de motocross freestyle a cargo do catro veces campión de España da modalidade, Pedro Moreno, e do británico Greg Rowbottom.

Unha primeira xornada da festa que rematará coas actuacións da Banda de Música de Arca e do grupo Ailá, a partir das oito e media da tarde na praza de Forcarei, epicentro desta nova edición da Festa do Galo Piñeiro Mostra Cabalar que organiza o Concello de O Pino.