Como novidade, nesta edición haberá dous pregóns, un a cargo de Alberto Goméz e outro do FC Meigas
A programación das Festas do Concello de Ames 2024 arrinca o vindeiro venres 2 de agosto no Milladoiro coa Festa da Madalena, unha celebración que se extenderá ata o día 6, no que dará o relevo á Festa da Peregrina de Bertamiráns que se desenvolverá dende o 7 ao 11 de agosto, completando 10 días de celebracións no municipio, nos que a veciñanza poderá desfrutar das mellores orquestras de Galicia.
Como novidade este ano, haberá dous pregóns, un de inicio das festas, no Milladoiro, o sábado 3 de agosto a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena; e outro de peche das festas, en Bertamiráns, o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú, que leerán as integrantes do Fútbol Club Meigas, en representación do deporte feminino do concello.
Na mañá do 31 de xullo, mantívose unha xuntanza para organizar o operativo de seguridade que se manterá activo durante os 10 días de festas, e estará coordinado pola Policía Local, contará coa colaboración do persoal da Agrupación de Protección Civil, e todo baixo a organización do Concello, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina, así como a Xuntanza de Empresarios de Ames.
A Panorama, Gran Parada, Metrópolis, Combo Dominicano, París de Noia, Os Satélites e Los Coleguitas, orquestras de primeiro nivel, forman parte do programa de festas, que contará tamén coas actuacións de Guadi Galego, La Banda de Ayer ou Tania Veiras. Para coñecer máis polo miúdo os horarios e a localización das actuacións pódese ver o programa completo na web municipal: www.concellodeames.gal.
Tamén, durante a xuntanza, pechouse a organización de dúas festas infantís dirixidas á rapazada e ás súas familias. Así, o martes 6 de agosto, no parque verde central no Milladoiro, xunto ao pavillón polideportivo e da piscina descuberta, terá lugar, no marco da Festa da Madalena, a primeira destes encontros infantís nos que están programadas unha gran variedade de actividades, e que se trasladará a Bertamiráns, no parque de Ameneiral, o sábado 10 de agosto co gallo da Festa da Peregrina.