Forma parte da programación cultural estival e do ciclo de exposicións anuais do Concello
A Capela da Madanela, no concello de Arzúa, será o escenario, mañá, 1 de agosto, da inauguración da oitava edición da exposición colectiva e multidisciplinar Bo Camiño, que se poderá visitar durante todo o mes e que forma parte da programación cultural de verán e do ciclo de exposicións anuais organizadas polo departamento de Cultura municipal, e que xa superaron a cifra das 2.600 visitas.
Bo Camiño trátase dunha mostra que conta cos traballos de artistas locais como Rebeca Novo, María José Plata ou Andrea Silvatiica, así como do resto do panorama galego como Antonio Abad, Óscar Aldonza, Novais, Peña Romay, Antón Sobral ou Camilo Seira, entre moitos outros.
A inauguración da exposición terá lugar mañá día 1 ás 19:30 horas, e os interesados en visitala poden facelo durante todo o mes de agosto en horario de 19:00 a 21:00 horas de martes a sábados.
José Luís García, concelleiro de Cultura de Arzúa, anima “especialmente a toda a veciñanza a visitar esta mostra que xa se converteu nun referente da programación cultural anual do Concello, e unha proposta destacada en todo o Camiño de Santiago que mistura arte, historia e patrimonio”.