Un total de 530 currículos recibiu Greenfiber, en menos dun mes, para a bolsa de emprego que a compañía abriu o pasado mes de xullo, a fin de identificar talento para o proxecto Gama, a fábrica de fibras téxtiles que prevé poñer en marcha en Palas de Rei.
O 51% das candidaturas proceden da provincia de Lugo e o 49% doutros puntos da xeografía galega. Concretamente, o 24% dos candidatos ten como lugar de residencia a cidade de Lugo e ao redor do 17% nas comarcas de Ulloa, Melide e Arzúa, xa nunha contorna máis próxima á fábrica.
En canto ao nivel académico, máis do 47% declara ter estudos superiores, xa sexa de grao, de posgraduado ou de doutoramento. Pola súa banda, os candidatos con titulación de Formación Profesional alcanzan o 35% e os que contan con educación secundaria ou bacharelato, un 18%, aproximadamente.
A directora de Recursos Humanos de Greenfiber, Olga López Arias, mostrouse moi satisfeita coa resposta recibida e destacou un dato especialmente significativo “e é que máis do 63% das persoas interesadas en traballar connosco atópanse actualmente traballando, pero ven no noso proxecto unha oportunidade para mellorar a súa situación laboral”.
A directiva explicou tamén que a bolsa de emprego continuará aberta e que, en breve, poñerase en marcha a organización de convocatorias grupais con candidatos do mesmo municipio e estudos, e no seu caso, experiencia. Estas sesións consistirán na presentación do proxecto GAMA aos aspirantes, incluíndo unha entrevista persoal para profundar no seu perfil profesional e académico, así como nas súas expectativas laborais.
BOLSA DE EMPREGO ABERTA
Os interesados en formar parte da bolsa de emprego de Greenfiber, teñan ou non experiencia previa, poden inscribirse no apartado de “EMPREGO” da web de Greenfiber (https://greenfiber.es/) e enviar o seu currículo, unha vez cumprimentado un formulario inicial.
PERFÍS PROFESIONAIS
O proxecto contempla unha ampla variedade de perfís profesionais para as áreas de produción, mantemento, enxeñería, así como de control técnico e sistemas de xestión. Entre outros, búscanse técnicos e auxiliares de: produción, procesos, programación, medioambiente, control de potencia, IT industrial, seguridade, sistema integrado de xestión, desenvolvemento de produto ou laboratorio, ademais de xefes de equipo, mecánicos e proxectistas. A estes perfís, propios da área industrial, haberá que sumar aqueles relacionados cos servizos de apoio e asesoramento.
O persoal proxectado para facer fronte á capacidade produtiva de Gama rolda os 500 empregos directos, xa que Gama será unha fábrica que funcione en réxime “Non Stop”, é dicir, os 365 días do ano, polo que o persoal que participe no proceso produtivo terá establecido un horario de traballo a quendas rotativas, respectando os descansos establecidos pola lexislación vixente.