PREVESE UN INVESTIMENTO DA XUNTA DE 200.000 EUROS
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas iniciou a redacción do proxecto para habilitar unha senda peonil no treito da estrada AC-862 ao seu paso polo Concello de Ortigueira.
O proxecto contempla a habilitación dun itinerario peonil nun treito desta vía autonómica, situado entre os puntos quilométricos 52+290 e 52+780. O obxectivo é favorecer o tránsito peonil seguro para as vivendas que se sitúan na súa traza. Ademais, permitirá unir o núcleo do municipio e o aparcadoiro que se habilita durante o festival internacional do Mundo Celta.
Máis en detalle, definirase unha senda peonil de 500 metros de lonxitude e 2 metros de ancho, salvo un estreitamento puntual nunha vivenda. A senda situarase na marxe esquerda da estrada, separada da calzada mediante un bordo no límite exterior da mesma. Entre a beiravía existente e a senda disporase unha franxa de 0,40 metros para a disposición de sumidoiros. Deste xeito, canalizarase a auga da choiva dende a plataforma a un colector baixo a calzada, optimizando a drenaxe.
Ademais, para poder gañar espazo para a senda peonil, será necesario tramitar a expropiación dos terreos necesarios a carón da calzada en toda a lonxitude do ámbito do proxecto.
O custo da actuación estímase en 200.000 euros, aínda que o investimento final concretarase no proceso de redacción do proxecto. O obxectivo da Xunta é contar co proxecto a finais deste ano, para proceder a sometelo a continuación a información pública a efectos expropiatorios.