O GOBERNO AUTONÓMICO FINANCIOU OBRAS MENORES NOS CENTROS EDUCATIVOS
A Xunta de Galicia realizou este verán 30 actuacións en escolas de Ferrolterra, cun investimento de 552.307 euros. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, supervisou no CEIP Unión Mugardesa as obras de reparación do patio cuberto e o tellado acometidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no centro no marco do Plan de Benestar e Accesibilidade na Escola (Plan BEN_Estar 2024) que se engloba no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica 2021-2024.
Como explicou a delegada, esta programa inclúe unha serie de pequenas e medianas obras que se desenvolveron durante o verán para mellorar cubertas, aseos, fiestras e ascensores. No caso do CEIP Unión Mugardesa, acometéronse tamén os revestimentos interiores do cerramentos, pintura da estrutura metálica e cambio de carpintería de dous ocos que estaban resoltos con ladrillos de vidro e propiciaban a entrada de auga cara o interior do inmoble. Ademais disto, reparáronse as gretas dunha fachada lateral e pintouse a totalidade da mesma. Neste caso, o importe da actuación ascendeu a 34.277 euros.
Martina Aneiros avanzou que non será a única actuación que se acometa no centro este ano, onde está previsto o acondicionamento do sistema de protección contra as descargas atmosféricas por importe de 3.500 euros.
A delegada territorial desprazouse tamén ao IES de Mugardos, onde se están executando actuacións de reparación do remate de cuberta e caleiro e a construción dunha rampla para mellorar a accesibilidade, cun investimento de 8.500 euros.
A responsable autonómica lembrou que a Xunta está comprometida con ofrecer unha educación pública de calidade, “o que pasa por mellorar as instalacións educativas coa fin de garantir que os escolares dispoñan duns espazos confortables, seguros e accesibles nos que desenvolver a súa aprendizaxe”.
Na provincia da Coruña estanse a realizar 222 intervencións en 151 centros, cun investimento de 4,3 millóns de euros. A nivel autonómico, son 535 melloras en 385 centros, cun importe total de 12,5 millóns de euros, a cifra máis alta dos últimos cinco anos.
PLAN DE NOVA ARQUITECTURA PEDAGÓXICA 2021-2024
Ademais destas pequenas intervencións estivais, a Xunta está a realizar nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 14 obras de grande envergadura, como ampliacións, rehabilitacións integrais e melloras da eficiencia enerxética. Estas actuacións supoñen un investimento autonómico de 6,8 millóns de euros e abarcan intervencións rematadas, en execución e licitadas. A de maior calado é a ampliación do CPI As Mirandas, no Concello de Ares, na que o Goberno galego esta a investir máis de 3 millóns de euros.
Todas estas intervencións están incluídas no Plan de Nova Arquitectura 2021-2024 que en Ferrolterra recolle actuacións por valor de 14,3 millóns de euros e onde tamén se inclúen obras comprometidas como a ampliación do CIFP Ferrolterra, as rehabilitacións integrais do IES Sofía Casanova e o CIFP Leixa, ou a reforma das cubertas do CIFP Rodolfo Ucha, entre outras, que contan cun orzamento estimado de 6,8 millóns de euros.