O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela; o presidente da APFSC, Francisco Barea; e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, María Allegue, participaron na presentación das obras levadas a cabo na primeira fase do proxecto Abrir Ferrol ao Mar.
Rueda salientou o bo avance das obras do proxecto, sinalando que contribuirá a crear unha cidade máis humanizada e potenciará a mobilidade sustentable. Neste sentido, engadiu que “todas as cidades galegas que están ao lado do mar teñen que ter esa relación con el, polo que este proxecto ten todo o sentido”.
Pola súa banda, o rexedor ferrolán afirmou estar “moi orgulloso desta colaboración entre administracións que amosa, unha vez máis, que traballando unidos podemos sacar adiante importantes proxectos que redundarán na calidade de vida dos ferroláns e ferrolás”.
O titular do Executivo autonómico tamén destacou a colaboración entre administracións, poñendo en valor o “esforzo conxunto” entre Xunta, Concello de Ferrol e Autoridade Portuaria. Así pois, o investimento de 15,6 millóns de euros comeza a dar os seus froitos coa inauguración para uso público do carril bici e senda peonil na Estrada Baixa do Porto e dun aparcamento con 99 novas prazas. “Creo que iso é facer cidade, facer Ferrol e tamén facer Galicia”, apuntou Rueda.
Neste sentido, Rey Varela explicou que con esta primeira fase, “Ferrol gaña 1.800 metros cadrados de novas zonas para os peóns, máis de 400 metros cadrados de zonas verdes, máis árbores e incrementa o carril bici que conecta coa cidade do deporte, pasando de 1.500 a 2.500 metros”.
Así, a través de Abrir Ferrol ao mar, ao tempo que se integra a cidade no seu espazo natural, búscase incrementar as zonas verdes, poñer a disposición máis prazas de aparcamento e impulsar sendas peonís, para que os veciños poidan camiñar ou desprazarse en bicicleta. Deste xeito, apuntou o presidente da Xunta, faise cidade e rexenérase toda a contorna para darlle unha nova vida. Segundo os prazos establecidos, no 2027 “os lugares onde hoxe estamos actuando terán pouco que ver co que eran”, apuntou.
Unha vez máis, o rexedor ferrolán indicou que “Ferrol é unha cidade que naceu vinculada á mar, que representa o noso pasado, o noso presente e o noso futuro. Hoxe os ferroláns e todas as persoas que nos visitan ven unha nova entrada á cidade pola zona portuaria; Ferrol estase renovando, Ferrol é unha cidade en movemento”.
AVANCE DO PROXECTO
Nestes momentos, está en redacción o plan director de Abrir Ferrol ao mar e a fase 2, con catro meses para o proxecto básico e de execución. Polo que, a finais de ano ou principios do 2025, o Concello de Ferrol contará cos dous documentos e o seguinte paso será a licitación das obras para que poidan comezar o próximo ano.
Na actualidade, está en execución a primeira fase de actuacións de mobilidade sostible da zona de contacto entre o porto e a cidade, que comprende a estrada baixa do Porto, Curuxeiras e aparcamentos disuasorios, por parte da Autoridade Portuaria de Ferrol en convenio coa Axencia Galega de Infraestruturas.
Esta actuación permite a reordenación da estrada baixa do Porto e a dársena de Curuxeiras, a creación dun carril bici e percorrido peonil accesible ao longo da estrada e a dársena de Curuxeiras e a reordenación e agrupación de prazas de estacionamento, coa creación de dous novos aparcamentos disuasorios, un xa operativo, na zona.
Abrir Ferrol ao mar dará continuidade ás actuacións de mobilidade sostible prolongándoas no tramo entre a zona portuaria de Curuxeiras (tramo final das actuacións en execución) e a ensenada de Caranza (onde conecta con infraestructuras de mobilidad sostible existentes). Tamén na fronte limítrofe coas instalacións do Arsenal Militar, Navantia, a Escola de Especialidades da Armada, e a fronte cara a ensenada de Caranza, cos barrios de Ferrol Vello, A Magdalena, Esteiro, Telleiras e Caranza, cunha lonxitude global de actuación duns catro quilómetros, que xunto coas infraestruturas existentes e as que están en execución. Esta actuación conformaría unha franxa continua de máis de 10 quilómetros de lonxitude no contacto da cidade de Ferrol co mar (entre A Graña e As Pías), cunha mellora integral da mobilidade sostible, da accesibilidade universal e da infraestrutura verde.
“O obxectivo principal de Abrir Ferrol ao mar é a rexeneración integral e a implantación dun modelo de mobilidade sostible na zona perimetral de contacto da cidade co mar”, concluiu o rexedor.
DESESTACIONALIZACIÓN TURÍSTICA
O titular do Goberno galego aproveitou para sinalar o gran e crecente atractivo turístico do que goza tanto a cidade de Ferrol como a súa contorna, con máis de 78.800 viaxeiros aloxados ata o mes de xuño. Neste sentido, Rueda explicou que se están batendo récords de visitantes non só no verán, “conseguindo o noso obxectivo de desestacionalizar e que a xente visite Ferrol e o resto de Galicia durante outros meses do ano”, apuntou.
Nesta liña, Rey Varela quixo agradecer “a aposta de Turismo de Galicia coa cidade, con actividades durante todo o mes de agosto”, e destacou tamén os excelentes datos turísticos, xa que se incrementou un 45% o número de turistas no que vai de ano e “Ferrol abraza o turismo”, finalizou o alcalde ferrolán.