PUBLICIDADE

A Xunta inspecciona a xestión da biomasa vexetal das parcelas de particulares en Cedeira

PorBisbarra

Venres, 9 Agosto 2024 , ,
As faixas de protección abranguen 50 metros arredor do núcleo rural ou vivendas illadas.As faixas de protección abranguen 50 metros arredor do núcleo rural ou vivendas illadas.

As persoas que incumpran a normativa serán notificadas

Un equipo do Servizo Agrario Galego (SEAGA) está a realizar a inspección do estado das parcelas situadas na faixa de protección de vivendas e núcleos de poboación no Concello de Cedeira, por encomenda da Consellería de Medio Rural e cumprindo a lexislación vixente de prevención de incendios. As persoas interesadas poden consultar as parcelas afectadas no visor da propia Consellería, no Plan Municipal de Prevención de Incendios ou acudindo á casa consistorial de martes a xoves, de 09.00 a 14.00 h.

Posteriormente a estas inspeccións, as persoas propietarias de parcelas que incumpran a normativa recibirán notificacións recordando a obriga de xestionar a biomasa vexetal e retirar as especies arbóreas non permitidas. Transcorrido o prazo concedido para ditos labores, se non son executados, procederase á imposición de multas e execucións subsidiarias.

O Concello de Cedeira sumouse no ano 2018 ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, FEGAMP e SEAGA para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias, tal e como prevé a lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. O obxectivo de dito convenio é poder dar cumprimento á lexislación en materia de prevención de incendios, dado o alto volume de parcelas en todo o municipio que incumpren a normativa.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

Ata o momento, por falta de medios, a administración local cedeiresa só estaba facendo os requirimentos de limpeza nos casos nos que existían denuncias de terceiros, pero agora estase a levar a cabo un labor de inspección máis exhaustivo nas zonas secundarias das faixas de protección, que abranguen 50 metros arredor de núcleo rural ou vivendas illadas.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE