Un ecógrafo, un MESI, un bisturí eléctrico, un gasómetro, un medidor de glucosa e 13 padiolas
O centro de saúde de Ortigueira reforza o seu equipamento técnico e de diagnose para mellorar o potencial médico, grazas a unha achega da Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria.
Máis en concreto, o centro adquiriu un ecógrafo ultraportátil, un MESI (software que mellora as posibilidades de diagnóstico e amplía o potencial do exame a nivel da atención primaria), un bisturí eléctrico, un gasómetro, un medidor de glucosa e 13 padiolas; oito hidráulicas para consultas, dúas para fisioterapia, unha para obstetricia, unha para transporte ao centro e outra para transporte ao PAC.
Este novo material loxístico permitirá ao centro de saúde renovar parte do equipamento técnico, ao tempo que mellorará a capacidade diagnóstica, redundando nun mellor servizo para as persoas usuarias.
Este equipo renovado súmase á recente inauguración da sala de raios X dixitais para o servizo de radioloxía da área sanitaria. Neste sentido, o Goberno local logrou o pasado verán o compromiso da Xunta deste investimento de máis de 150.000 euros, que xa permite realizar probas radiolóxicas sin que os pacientes se vexan obrigados a desprazarse fóra do municipio.
A concelleira de Saúde, Ana Cartelle, agradeceu á Xunta de Galicia e a directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López, “o seu compromiso con Ortigueira e coa mellora dos servizos sanitarios”. Así mesmo, subliñou que esta adquisición supón “un salto de calidade a nivel de servizos ofertados á cidadanía”.