O PP volve alertar de continuas irregularidades en materia económica.
Logo de estudar con calma o informe anual da Intervención municipal de Melide sobre control interno, o Grupo Popular non ten ningunha dúbida da “gravidade” da situación na que se atopa o tripartito integrado por AM, BNG e PSOE. Segundo sinala, nesa documentación formúlanse un total de 48 reparos, ao tempo que se pide a fiscalización de máis dun cento de facturas. Nela tamén se informa dunha necesidade de financiamento dun millón de euros.
A formación encabezada por Dalia García advirte de que vai estar moi vixiante e non vai deixar pasar nin unha, co obxectivo de “controlar a actividade dun goberno inmerso en continuas prácticas ilegais e fraudulentas das que xa vimos dando conta nos últimos meses”.
Entre elas cita a compra do solar situado na Avenida da Habana “por capricho do alcalde” e que está sendo tamén fiscalizado por intervención. Insiste o PP en que vai ser “intransixente” con este tipo de operacións, e que vai denunciar “calquera outra práctica corrupta por parte dos responsables municipais”, aos que acusa de provocar “a quebra económica e financeira do noso Concello”.
Entre os reparos formulados polo departamento de Intervención, os populares destacan a existencia de facturas sen soporte contractual e sen seguir o procedemento previsto, a omisión do procedemento de contratación axeitado, a contratación encuberta de persoal e cesión ilegal de traballadores, retrasos na emisión de acta de replanteo previo e na execución das obras, e incumprimentos en materia de adquisición de bens.