PUBLICIDADE

A Cavernícola Race de Barbadás xa bateu a marca de participación con máis de 500 inscritos

Presentación da VII Cavernícola Race, durante a intervención do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos VlcárcelPresentación da VII Cavernícola Race, durante a intervención do alcalde de Barbadás, Xosé Carlos Vlcárcel

A Cavernícola Race, que suma a súa sétima edición e dispútase o sábado 9 de maio, consiste nunha carreira de obstáculos na que os participantes teñen que combinar velocidade, forza e resistenacia

A OCR Carvernícola Race Mapfre, para á que aínda quedan prazas e que se disputa o sábado 9 de maio, é unha das citas senlleiras do Concello de Barbadás e suma a súa sétima edición. A proba deportiva da Valenzá combina forza, velocidade e resistencia nun entorno único.

“Trátase dunha carreira xa asentada no calendario das OCR na provincia, é unha das que ten máis participantes e maior prestixio”, asegurou o alcalde ourensán, Xosé Carlos Valcárcel, na presentación oficial. O rexedor destacou o aumento da participación de persoas doutras zonas de España: “Hai moitos deportistas que veñen de fóra da provincia e de Galicia, e incluso xente de Portugal”.

Neste sentido, puxo en valor o “gran traballo” realizado polo persoal do Servizo Municipal de Deportes, encabezado polo coordinador Diego López, e polo Cavernícola OCR Team, liderado por Miguel Soto. “Agora mesmo, a Cavernícola participa en tres ligas, a AOCO a nivel nacional, a Liga do Norte de España, e a Aurum Terrae de Ourense, impulsada pola Deputación”, detallou Diego López.

PUBLICIDADE

A Cavernícola Race presenta unha nova categoría para os máis pequenos

A sétima edición da Cavernícola conta con novos obstáculos así como cunha nova categoría pensada para os máis pequenos. “Este ano temos a Cavernícola Kids, que se celebrará o domingo 17 de maio, e que xa está ao 50% de inscricións”, apuntou Miguel Soto.

O alcalde tamén destacou a importancia da colaboración das institucións e empresas privadas, que fan posible que a carreira evolucione cada ano. “Quero dar o agradecemento a Mapfre, Xunta, Deputación, Maquinor e o resto das empresas que colaboran”, resaltou.

Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes de Ourense, convidou á poboación a participar na proba, que calificou de “auténtico espectáculo”. Pola súa parte, Diego Enrique Álvarez, asesor de Política Deportiva da Deputación, sinalou a recente creación da Liga Aurum Terrae, “unha aposta conxunta” para que a Cavernícola de Barbadás, a Uros Race de Toén e a Revolta Irmandiña de Verín teñan unha maior repercusión.

A presentación tamén contou coa participación de Ana Fernández, directora da oficina Mapfre de Ourense; Joaquín Rodríguez, delegado de Mapfre na Valenzá, e Víctor Bernárdez, de Maquinor.

As inscricións aínda están abertas para as catro categorías (elite, starter, popular e kids) a través da páxina web Sportmaniacs. O custe é de 35 euros para adultos e 5 euros para nenos.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.