A inclusión da Clásica de Pascua nesta competición, na que se medirán xuntos equipos profesionais, continentais e amateurs, supón tamén o ascenso á categoría UCI 1.2
A Clásica de Pascua de Padrón, será unha das dúas probas que formarán parte da Challenge Futura, que foi presentada onte no Centro Superior de Deportes, en Madrid, nun acto ao que acudiu unha delegación en representación do concello padronés. Trátase dunha nova competición que fai de ponte entre o ciclismo amateur e o profesional e que, nesta primeira edición, contará con dúas probas: a Clásica de Pascua e o GP Primavera de Ontur-Deputación de Albacete.
Por primeira vez a proba ciclista de Padrón organizada polo Club Ciclista Padronés ascende á categoría 1.2 do calendario da Unión Ciclista Internacional (UCI).
A Challenge Futura é unha nova competición creada pola Federación Española de Ciclismo no seu calendario oficial e na que competirán xuntos equipos profesionais, continentais e amateurs na Clásica de Pascua de Padrón e no GP Primavera de Ontur-Deputación de Albacete, ambas as dúas consideradas carreiras de nivel 1.2 pola UCI.
A delegación padronesa no CSD estivo integrada polo alcalde, Anxo Arca; o concelleiro de Deportes, Luis Mariño; o presidente do Club Ciclista Padronés Cortizo, Tanis Vázquez; o director deportivo do equipo, Marcos Serrano, e o tesoureiro, Manuel Montenegro; así como o deputado provincial de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, e o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz, e o fundador e propietario do Grupo Cortizo, José Manuel Cortizo.
A 63ª edición da Clásica de Pascua de Padrón celebrarase o 12 de abril coincidindo coa clausura das festas do Domingo de Pascuilla e volverá converter esa xornada nun día de especial relevancia para a vila. A outra proba da Challenge Futura disputarase o 22 de marzo en Albacete.
O presidente do Club Ciclista Padronés, Tanis Vázquez, cualifica a inclusión da Clásica de Pascua de Padrón no calendario internacional da UCI como “unha gran noticia para o noso club e para Padrón”. O histórico dirixente adianta que na cita “participarán 12 equipos profesionais e 10 afeccionados”, encabezados polo Cortizo en calidade de anfitrión e líder do ranking nacional Sub-23 da pasada tempada.
Padrón consolídase como berce do ciclismo galego. A Clásica de Pascua, a competición decana do ciclismo en Galicia, é o evento deportivo máis esperado das nosas festas e a partires de agora xerará aínda máis expectación dentro e fóra dos límites do noso concello. Grazas ao deporte e en especial ao ciclismo, Padrón está aumentar o seu peso e a súa proxección exterior, algo do que nos sentimos moi afortunados e moi orgullosos” (Anxo Arca, alcalde de Padrón)
Entre os equipos profesionais xa confirmados para a Clásica de Pascua 2026 figuran Caja Rural, Kern Pharma, Burgos Burpellet BH, Euskaltel Euskadi, Arabay Illes Balears e Movistar Academy, completando a ducia de escuadras con outras de procedencia internacional.
O director deportivo do CC Padronés, Marcos Serrano, destacou o cambio de paradigma que supón a creación da Challenge Futura: “Os equipos élite e Sub-23 levabamos anos reivindicando que en España se puidese facer o que xa era habitual en países do noso entorno. A pasada tempada competimos en probas internacionais como o Circuito das Ardenas, o Giro del Belvedere ou o GP Palio del Recioto con corredores de superior categoría. Que esa posibilidade chegue agora tamén ao calendario español é unha gran noticia e vai supoñer un salto de calidade para os nosos ciclistas”.
A participación da delegación padronesa neste acto de ámbito estatal evidencia o compromiso do Concello de Padrón co deporte de base e de alto nivel, así como coa colaboración institucional necesaria para consolidar eventos que proxectan o nome da vila máis alá do ámbito local. A Clásica de Pascua afronta así unha nova etapa que reforza o seu prestixio deportivo e o seu impacto social, económico e turístico, contribuíndo á dinamización da hostalería, do comercio e do conxunto do tecido padronés.





