O Polideportivo Paco Chao do Concello do Carballiño xa rematou a súa posta a punto coa finalización das obras de mellora das instalacións. Unha intervención que comezou no último trimestre do 2025 e contou cun investimento total de 135.258,10 euros procedentes do Plan CooperOU da Deputación de Ourense. “É unha das actuacións máis importantes realizadas durante o ano pasado no noso concello”, apuntou José Castro, tenente alcalde e concelleiro de Deportes, durante a recepción das obras.
O presidente provincial, Luis Menor, tamén estivo presente na visita para coñecer de primeira man o resultado das melloras no Polideportivo Paco Chao, realizadas ao abeiro do Plan CooperOU de cooperación da Deputación ás obras e servizos municipais. Manuel Dacal, concelleiro de Turismo; Lorena Castro, concelleira de Educación; Diana González, concelleira de Comercio, e Miguel Fernández, concelleiro de Medio Rural, tamén acudiron ao acto.
As obras no polideportivo incluíron a renovación íntegral da iluminación, o cambio de tubaxes e portas, o pintado do pavillón, o arranxo da pista interior e a modernización dos vestiarios. Cabe destacar que o Paco Chao é o recinto deportivo con maior actividade do Carballiño, xa que acolle numerosas competicións e eventos deportivos de disciplinas como fútbol sala, patinaxe artística ou ximnasia rítmica, entre outras.
Luis Menor puxo en valor a colaboración institucional a través do Plan CooperOU. “O Carballiño é un concello moi dinámico, en constante crecemento e cunha proxección moi positiva, polo que as administracións temos que estar ao lado”, asegurou o presidente provincial.
En 2025, O Carballiño recibiu 457.000 euros dos fondos CooperOU, unha cantidade que este ano aumentará ata os 527.000 euros. “O noso obxectivo é seguir apostando pola mellora das instalacións deportivas, do rural, do Parque Municipal, das vías e infraestruturas do casco urbano…”, apuntou o tenente alcalde José Castro. En total, o Concello ten previstas para este 2026 nove obras a partir do financiamento do Plan CooperOU.




