PUBLICIDADE

O Club de Atletismo MillaRaio comeza 2026 con dous ouros no Galego de Cross Xogade

O Club de Atletismo MillaRaio do Concello de Ames comezou o 2026 con moi bos resultados. Mateo Vilela a nivel individual e mailo equipo feminino Sub-12 lograron a primeira posición nas súas respectivas probas do Campionato Galego de Campo a Través de deporte escolar, Xogade 2025-2026.

Ademais, durante o pasado mes de decembro os deportistas do MillaRaio acadaron un terceiro posto no Trofeo ABANCA de Ourense e unha quinta posición no Campionato Galego de Clubs de probas combinadas.

Así, o pasado sábado 17 de xaneiro, o Club de Atletismo MillaRaio participou no Campionato Galego de Cross Xogade 2025-2026, celebrado na vila lucense de Ribadeo e organizado pola Xunta de Galicia. Participou nesta competición o equipo feminino Sub-12, logo de proclamárense campión provincial, e tamén Mateo Vilela, da categoría Sub-12 masculina, que conseguiu a clasificación de xeito individual.

PUBLICIDADE

Durante a xornada os resultados non puideron ser mellores para o MillaRaio: tanto o equipo feminino, formado por Pepa Bernárdez, Celia Mella, Sabela Cabo, Olaia Pazos, Erin Bouzas e Emma Regueiro; como Mateo Vilela, conseguiron a medalla de ouro nas súas respectivas categorías.

Por outra banda, o pasado 21 de decembro, os oito mellores equipos de Galicia déronse cita no Trofeo ABANCA na pista curta de Expourense. Durante esta competición, participaron os equipos Sub-12 feminino e Sub-10 masculino do MillaRaio. O equipo masculino logrou un valioso terceiro posto grazas ao bo traballo nas probas disputadas ao longo da xornada. Os postos do podio decidíronse na derradeira proba de remudas 4×50.

PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.