O Gran Camiño 2026, proba internacional de ciclismo, terá de novo á provincia de Ourense como escenario da etapa raíña da competición, que terá a súa saída en Xinzo de Limia e a chegada en Xunqueira de Espadanedo o vindeiro 17 de abril, así foi anunciado durante o acto de presentación oficial que se desenvolveu onte no Mosteiro de Xunqueira de Espadanedo.
Na presentación da etapa raíña desta nova edición do Gran Camiño, participaron, entre outros, o alcalde de Xunqueira de Espadanedo, Pablo Graña; a concelleira de Deportes de Xinzo de Limia, Cristina Campero; o director da proba, Ezequiel Mosquera, e o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, que pechou a presentación subliñando que “o ciclismo de máximo nivel regresa a Ourense despois de experiencias que quedaron gravadas na memoria colectiva, como as metas de Ribadavia ou Rubiá, ou a saída de Xinzo, vivida como unha auténtica festa popular”.
Luis Menor puxo en valor a gran acollida do público ourensán nas anteriores edicións, mesmo en condicións meteorolóxicas adversas, como mostra de que “Ourense é unha provincia con afección e capacidade para acoller grandes eventos”, amosándose optimista co cambio de datas da carreira ao mes de abril.
O presidente provincial destacou tamén a proxección internacional da proba, retransmitida en máis de 150 países, así como o seu prestixio deportivo, cun palmarés no que figuran nomes como Alejandro Valverde, Jonas Vingegaard ou Derek Gee.
O presidente da Deputación reafirmouse na aposta da institución provincial por eventos que “suman deporte, promoción turística, economía local e orgullo de territorio”, sinalando que cada etapa supón unha oportunidade para dinamizar concellos, impulsar a hostalería e reforzar a marca Ourense.
A etapa entre Xinzo e Xunqueira do Gran Camiño 2026 permitirá, tal e como sinalou Luis Menor, recuperar a esencia da histórica Volta Ciclista a Galicia, transcendendo o ámbito deportivo para promover tamén as posibilidades turísticas do territorio.







