O Concello de Oroso inaugurou, o pasado domingo, o campo de fútbol do Lino Balado tras a renovación integral do seu terreo de xogo. Unha actuación moi demandada que permite mellorar de maneira notable as instalacións deportivas municipais e ofrecer un espazo en óptimas condicións para a práctica do fútbol.
A intervención do Concello de Oroso contou cun investimento de case 200.000 euros e culminou coa instalación dun céspede artificial de alta calidade, que acadou o selo FIFA Quality Pro, certificación que garante os máis altos estándares internacionais en rendemento, seguridade e durabilidade.
O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, que acompañou ao alcalde de Oroso, Álex Doval, e aos membros da corporación municipal nesta xornada deportiva.
No marco da reapertura do campo de fútbol, realizouse tamén a entrega dos trofeos de campións de Liga aos equipos da ED Xuventude de Oroso da tempada anterior: Alevín A, Alevín B, Alevín C e Benjamín C, recoñecendo así o seu esforzo e resultados deportivos. A xornada completouse coa celebración do encontro entre o Sigüeiro F.C. e o Burela S.D., no que o equipo local se impuxo, acadando os tres puntos ante a súa afección.
Desde o Concello de Oroso destácase que esta actuación forma parte do compromiso municipal de seguir mellorando as infraestruturas deportivas, apoiar o deporte base e fortalecer o deporte local, dotando aos clubs e deportistas de instalacións modernas, seguras e de máxima calidade.



