O automobilismo galego celebrou, a pasada fin de semana no Pazo dos Deportes Paco Paz de Ourense, a súa gala anual, que organiza a Federación Galega de Automobilismo. Durante o acto, fíxose entrega dun total de 160 recoñecementos a os pilotos, copilotos, escudarías, persoas ou entidades que destacaron no 2025 no desenvolvemento ou participación nos campionatos das diferentes modalidades como rallyes, autocross, montaña, karting, rallymix, rallysprint e slalom.
O pasado ano o automobilismo galego cosechou importantes resultados, como o subtítulo do Supercampionato de España de Rallyes de Javier Pardo, o triunfo de Jorge Cagiao e Javi Martínez no Nacional de Rallyes de Asfalto, a victoria de Luis Penido no Europeo de Montaña, o título continental en Históricos dos melidenses Xesús Ferreiro e Xavier Anido, ou a fichaxe pola escudaría McLaren de Fórmula-1 da gran promesa do automobilismo galego, Christian Costoya.
Ademais, nas probas galegas, a gala do automobilismo premiou tamén éxitos como os de Víctor Senra e Alberto Meira, campión e subcampión, respectivamente, do Galego de Rallyes de Asfalto na máxima categoría.
Durante a Gala do Automobilismo 2025 participaron, entre outros, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta, Diego Calvo, o delegado territorial do Goberno galego en Ourense, Manuel Pardo, ou o presidente da Deputación Provincial, Luis Menor.
Diego Calvo destacou o crecemento do deporte do motor en Galicia nos últimos anos como demostran os 20 títulos galegos ou podios nacionais e internacionais acadados na última tempada. Uns éxitos “acadados grazas a tremenda calidade dos deportistas, pero tamén co apoio e compromiso que leva amosando a Xunta nos últimos anos”, asegurou o conselleiro que felicitou aos premiados e recoñeceu o labor da Federación Galega.
Dende 2009, lembrou o conselleiro, o automobilismo galego recibiu 4 millóns de euros do Goberno galego, destacando preto de medio millón en patrocinios neste 2025, incrementando o investimento un 30% con respecto ao exercicio pasado.
Pola súa banda, Luis Menor, destacou que a Gala do Automobilismo “non podería ter un mellor escenario ca nosa provincia, na que contamos cunha gran canteira de pilotos e uns fieis afeccionados a este deporte”, dixo o presidente antes de felicitar aos galardonados e afirmar que “esta gala é para render homenaxe a pilotos e escudarías que fan posible o prestixio do automobilismo en Galicia, e en ourense en particular”. Menor lembrou que a provincia acolleu durante o ano pasado un total de 7 probas: o Rally da Comarca do Carballiño, o Rallymix de Barbadás, as Subidas a Vilar de Barrio e a Taboadela, así como os Rallysprint de Piñor, Val de Ramirás e Lobios.
















