A Deputación de Ourense vén de aprobar as bases reguladoras de dúas novas convocatorias de subvencións correspondentes ao ano 2026, dirixidas ao apoio ao deporte ourensán e ao fomento das artes escénicas e musicais na provincia, cun investimento global de 260.000 euros.
Por unha banda, a Xunta de Goberno da Deputación deu luz verde á convocatoria de subvencións a deportistas ourensáns cualificados en modalidades deportivas individuais, dotada cun orzamento total de 50.000 euros, o que supón un incremento do 25 % respecto ao pasado ano, cando a contía era de 40.000 euros. Trátase, ademais, da continuidade dunha liña de apoio que a Deputación vén reforzando de maneira progresiva nos últimos exercicios, cun aumento acumulado do 66,67 % no que vai de mandato.
A convocatoria da Deputación ten como obxectivo fomentar a práctica deportiva e recoñecer a traxectoria, o esforzo e os resultados acadados polos deportistas ourensáns en modalidades individuais, desde categorías de base ata absoluta. O prazo de presentación de solicitudes abrirase coa publicación na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 27 de febreiro de 2026. Na edición anterior foron beneficiados un total de 40 deportistas da provincia.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou tamén as bases da convocatoria de subvencións para o fomento das actividades escénicas e musicais 2026, cunha dotación de 210.000 euros, a mesma contía que no exercicio anterior. Esta iniciativa anual ten como finalidade o financiamento parcial de actuacións artísticas de carácter público na provincia de Ourense, promovidas por persoas ou agrupacións do ámbito cultural.
O importe subvencionable poderá acadar ata o 50 % do custo de cada actuación, correspondéndolle ao promotor o financiamento da porcentaxe restante. A convocatoria intégrase no Plan estratéxico de subvencións da Deputación de Ourense 2024-2027, contribuíndo ao impulso da actividade cultural e recreativa no conxunto do territorio provincial, con especial atención ás artes escénicas e musicais.
O prazo para solicitar a inclusión como beneficiarios directos manterase aberto desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia ata o 20 de decembro de 2026.
Con estas dúas convocatorias, a Deputación de Ourense reafirma o seu compromiso co apoio ao talento deportivo e coa dinamización cultural da provincia, como piares fundamentais para o desenvolvemento social, económico e territorial de Ourense.






