O Concello de Ribadavia reforza a protección do seu territorio coa adquisición dun novo tractor equipado con maquinaria rozadora. Esta compra foi posible grazas á liña de axudas concedida pola Deputación de Ourense, dentro do seu programa de colaboración cos concellos para a prevención de incendios forestais.
O novo vehículo, que supón un importante reforzo para o parque móbil municipal, está deseñado especificamente para traballos de xestión da biomasa. Con este tractor, o servizo municipal poderá axilizar as tarefas de limpeza de maleza e mantemento das faixas de protección en núcleos de poboación, así como a roza das marxes dos camiños rurais.
O alcalde de Ribadavia, César Fernández, amosouse satisfeito pola chegada deste novo equipamento. “Para un concello como o noso, a prevención é unha prioridade absoluta. Grazas ao apoio da Deputación de Ourense, hoxe contamos cunha ferramenta moderna e eficaz que nos vai permitir chegar a máis zonas en menos tempo”. Así, Ribadavia garante que as infraestruturas rurais e o contorno das vivendas estean limpos e seguras.
Asemade, Fernández quixo poñer en valor a colaboración institucional. “Este tractor é o resultado dun compromiso real co rural. A adquisición desta maquinaria non só mellora a nosa capacidade operativa ante o risco de lumes, senón que tamén supón un aforro de custos para as arcas municipais e unha mellora nas condicións de traballo dos nosos operarios”.
Esta subvención forma parte do compromiso da Deputación de Ourense por estender o equipamento indispensable para a loita integral contra os incendios a toda a provincia. Así, a entidade colabora directamente na conservación do medio ambiente e na protección das persoas e os bens.
Coa posta en marcha inmediata desta maquinaria, Ribadavia continúa co seu plan de mantemento preventivo, incidindo especialmente naquelas zonas de maior risco. O obxectivo é chegar á tempada estival nas mellores condicións posibles.




