PUBLICIDADE

O Festival Máxico San Juan Bosco reúne no Carballiño a prestidixitadores de Ourense, Lugo e Portugal

O Festival Máxico San Juan Bosco foi presentado onte no Carballiño polo concelleiro Diego Fernández e os magos Martín Domínguez e Santiago CristóbalO Festival Máxico San Juan Bosco foi presentado onte no Carballiño polo concelleiro Diego Fernández e os magos Martín Domínguez e Santiago Cristóbal

O Festival Máxico San Juan Bosco chega de novo ao Carballiño e desenvolverase do 30 de xaneiro ao 1 de febreiro. A cita, que conta co apoio do Concello, está organizada polas asociacións de magos de Ourense, Lugo e Portugal. “Este ano continuamos co modelo exitoso das últimas edicións, que ofrece confraternización e tamén formación e obradoiros para os máis cativos”, detallou onte Diego Fernández, concelleiro de Cultura, durante a presentación.

Os impulsores do Festival Máxico, Martín Domínguez (Le Grand Martin) e Santiago Cristóbal (Mago Ninou), puxeron en valor o encontro, que celebra ao patrón dos magos, San Juan Bosco, ao mesmo tempo que divulga e achega a maxia á poboación. Nese sentido, puxeron en valor os beneficios da maxia para persoas de todas as idades e, en especial, para os máis pequenos.

A organización do festival agarda que o obradoiro infantil sexa un éxito de participación, como no 2025. “É unha boa maneira de introducilos neste mundo e tamén de educalos como espectadores”, engadiu Cristóbal. A actividade levarase a cabo o sábado 31 de xaneiro, de 16:30 a 18:00 horas no hotel O Xardín. As inscricións custan 15 euros e pódense formalizar a través do teléfono 607 248 799.

PUBLICIDADE

O Festival Máxico comeza cunha misa na honra do patrón, e unha gala de apertura

O Festival Máxico comeza o 30 de xaneiro ás 19:00 horas cunha misa na Igrexa da Veracruz na honra de San Juan Bosco, patrón dos magos. A partir das 20:30 horas, o café bar Lérida acollerá a Gala de apertura, na que participarán Magaldara, Mago Alvart e Mago Albert. “Son tres compañeiros do Ribeiro”, destacou Domínguez.

O sábado comezará co obradoiro de maxia infantil, seguido da Gala familiar. Xa pola noite contra as 00:00 horas, O Casino será o escenario da Gala hora máxica, na que participarán O Gran Mago, Guto e Aris Villarino.

O domingo, último día do festival, arrancará coa conferencia de Donald Lehn, máis coñecido como Malo malísimo que “é especialista en maxia de rúa e malabares, foi director da escola de circo de Madrid… é unha persoa con moitísima experiencia. A súa conferencia axúdanos a seguir formándonos”, apuntou Cristóbal sobre unha actividade dirixida unicamente para magos e magas. As inscricións teñen un custo de 20 euros e pódense realizar a través do teléfono 690 766 208.

Tras o encontro con Malo malísimo levarase a cabo o tradicional xantar de confraternización, no que os asistentes desfrutarán dun cocido máxico. “Normalmente ao acabar de comer facemos un pouco de maxia para prepararnos para a gala final”, detallou Domínguez. Aquelas persoas que queiran inscribirse pódeno facer a través do 690 766 208.

A Gala de clausura porá o broche final ao Festival Máxico no Auditorio Municipal do Carballiño. A partir das 18:00 horas, o público poderá desfrutar dos espectáculos do Mago Cris, O Mago de Boina e Nami, e Malo malísimo. “Estará presentada por David Méndez, un dos mellores magos de Galicia, é todo un luxo telo aquí no Carballiño”, asegurou Domínguez.

PUBLICIDADE
PUBLICIDADE

PorBisbarra

Redacción. Xornal Independente que achega a información máis local e comarcal de Galicia.